HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuis López sinala o enoturismo como un potente atractivo turístico das Rías...

Luis López sinala o enoturismo como un potente atractivo turístico das Rías Baixas nun encontro con profesionais do sector das provincias de Huelva e Pontevedra

- Anuncio -spot_img

O presidente da Deputación participa na bodega Martín Códax de Cambados nun intercambio de coñecementos cos responsables de turismo da Deputación de Huelva

“Con estandartes como Bodegas Martín Codax e os viños da DO Rías Baixas, o enoturismo é unha experiencia única para perderse entre viñedos, respirar ao aire libre e desfrutar da mellor gastronomía e do mellor viño”, propón López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta o enoturismo como un dos grandes atractivos dun destino turístico como as Rías Baixas, que ten “moito e moi bo que ofrecer ao mundo” nun encontro nas Bodegas Martín Codax de Cambados con profesionais do sector das provincias de Pontevedra e de Huelva. Un acto no que o mandatario provincial deu a benvida á deputada de Turismo onubense, Ana Delgado, e ao resto dos integrantes dunha expedición que ten como obxectivo presentar a oferta turística desta provincia andaluza cunha viaxe institucional organizada pola Deputación de Huelva.

“Para nós é unha honra acoller na nosa provincia a representantes dun territorio como Huelva, co que temos tanto en común. O primeiro, a nosa historia e tradición marítima: se a Baiona arribou a carabela Pinta co descubrimento do novo mundo, do porto de Paus partiu a expedición de Cristóbal Colón cara a América. Somos, ademais, dúas provincias de auga, non só por contar coas mellores praias do país, senón por contar cuns recursos naturais privilexiados como Doñana ou as Illas Atlánticas. E, por suposto, falamos de dous destinos acolledores, aos que os visitantes chegan polos nosos atractivos, pero sempre volven porque reciben un trato de primeira”, expuxo o presidente provincial, quen agradeceu á Deputación de Huelva escoller as Rias Baixas para presentar o seu destino e á Bodegas Martín Códax por ser un embaixador de luxo da provincia.

Neste sentido, o mandatario provincial lembrou que a Deputación de Pontevedra tamén promociona o seu destino turístico noutros territorios, como ocorreu recentemente coa participación en encontros con profesionais do sector en Málaga ou Madrid, en feiras internacionais como a de Londres ou en eventos específicos como o Congreso Internacional da Camelia en Xapón. Un destino turístico descentralizado e desestacionalizado no que o sobresae o turismo ligado á enoloxía. “Con estandartes como Bodegas Martín Codax e os viños da denominación de orixe Rías Baixas, o enoturismo é unha experiencia única para perderse entre viñedos, respirar ao aire libre e desfrutar da mellor gastronomía e do mellor viño”, presenta Luis López un dos grandes atractivos da provincia xunto con outros como a ruta da camelia, as variantes do Camiño de Santiago, o termalismo ou os castelos de Soutomaior e Sobroso. “As mostras do patrimonio dun destino turístico composto por 61 concellos son infinitas”, concluíu o presidente da Deputación.

Publicacións Relacionadas