O presidente provincial resume nun acto en Lalín diante de alcaldes destes municipios as obras que está a financiar a Deputación a través do primeiro Plan Extra, do que se benefician os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia
O ente provincial destina 5,85M€ a través dos fondos do +Provincia e do Plan Extra para financiar a maior parte dos proxectos propostos por Lalín, Agolada, A Estrada, Dozón, Forcarei, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces
A través da primeira convocatoria deste plan, a Deputación fai posible a execución de seis humanizacións, a ampliación dun auditorio e a apertura dun centro de día
O prazo de presentacións de solicitudes para a segunda convocatoria do Plan Extra pecha cun novo éxito de concorrencia: os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes volveron pedir subvencións para executar proxectos estratéxicos
“Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos nos concellos. É un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, sostén López
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os 7,55 millóns de euros mobilizados este ano a través do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra nos oito concellos das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes. O mandatario provincial vén de pechar este martes, na véspera de Noiteboa, no auditorio de Vilatuxe, en Lalín, a serie de encontros comarcais iniciada en Moraña, con paradas no Porriño, A Guarda, Cangas do Morrazo, Mondariz, Vilagarcía, Ponte Caldelas; para facer balance dos proxectos postos en marcha ao abeiro da primeira convocatoria deste novidoso programa que, dotado con 38M€ de euros de orzamento, atendeu o 100 % das solicitudes presentadas beneficiando aos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia. “Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos nos concellos. É un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, definiu Luis López a vocación dun plan que xa ten en marcha a súa segunda convocatoria, que volveu ser un éxito absoluto de concorrencia.
Diante de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal e asociativo destes oito concellos —Lalín, Agolada, Dozón, Forcarei, A Estrada, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces— do interior da provincia, o presidente da Deputación puxo o foco no carácter estratéxico e transformador dos oito proxectos que se están a executar xa ao abeiro deste Plan Extra, do papel da Deputación para financiar a maior parte das obras, o 100 % nalgúns casos; e na lealdade institucional do executivo provincial para respectar a autonomía dos gobernos municipais á hora de decidir os proxectos a desenvolver. “Co Plan Extra a autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar á Deputación das ferramentas necesarias para facer realidade esa obra tan necesaria e que tantos anos estaba agardando a súa oportunidade nun caixón. Falamos dun proxecto global para os 59 concellos pequenos e medianos, pero todos extraordinarios; que nós convertemos en estratéxico para unha provincia extraordinaria”, afirmou López.
Entre os proxectos beneficiarios das subvencións deste Plan Extra nesta zona está o da ampliación do auditorio de Vilatuxe e a urbanización da súa contorna promovido polo Concello de Lalín que se fará realidade grazas á achega de 1,1 millóns de euros de fondos provinciais a un proxecto valorado en 1,8 millóns que completa o Concello cos seus recursos. O mesmo ocorre na Estrada, onde a inxección de 800.000 euros da Deputación facilitará a humanización da Praza de Galicia, valorada en 1,15M€ onde o Concello achega os 300.000€ restantes. Mentres que en Rodeiro, os 500.000 euros da Deputación poderán facer posible a apertura dun centro de día e un punto de atención á infancia valorados, un proxecto valorado en 1,15M€ que está a espera de que o Concello atope os máis de 600.000€ que lle corresponde. Neste sentido, o presidente Luis López remarcou a decisión do goberno provincial para “premiar a capacidade dos gobernos locais para conseguir recursos doutras administración, sen ningún tipo de cláusula que os penalicen”, puntualizou López.
O +Provincia complementa os investimentos
Sen embargo, noutros casos é a Deputación a que achega o 100% dos investimentos. “A posibilidade de combinar os fondos dos plans +Provincia é do Plan Extra é unha mostra desa flexibilidade e autonomía que propoñemos desde a Deputación e á que recorreron moitos rexedores para financiar as súas obras”, puntualizou Luis López antes entrar ao detalle dos proxectos impulsados a través dun mecanismo ao que se acolleron tamén os concellos de Agolada para a humanización da Avenida de Iryda por un importe de 600.000€, de Dozón, para a reurbanización da contorna do centro sociocultural por 590.000€; de Forcarei, para a humanización da rúa das Dúas Igrexas por 600.000€; de Silleda, para a humanización da Avenida do Parque por 750.000€; e de Vila de Cruces para humanizar o núcleo urbano por 910.000€.
En suma, a primeira convocatoria do Plan Extra da Deputación serviu para mobilizar un total de 7,55 millóns de euros nos oitos concellos das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes, dos que o organismo provincial achega 5,85M€. Un revulsivo que terá continuidade o vindeiro ano, porque a segunda convocatoria do Plan Extra vén de pechar recentemente o prazo de presentación de solicitudes e supuxo novamente un completo éxito de participación. “Unha nova demostración da cantidade de proxectos ambiciosos e creativos que os concellos teñen preparados para executar en canto teñen a oportunidade”, dixo López, quen adiantou que no caso destes concellos inclúen un conxunto de sete propostas que suman un investimento total de 8,17M€ que se atopan xa en fase de valoración.
Compromiso cos concellos
A colaboración da Deputación cos concellos pequenos e medianos da provincia resulta crucial para executar proxectos estratéxicos que teñen o obxectivo de mellorar as infraestruturas e os servizos para mellorar a calidade de vida da veciñanza que vive nestes municipios enclavados en contornas rurais e afectados polo reto demográfico. Con todo, a achega do organismo que preside Luis López non se limita unicamente á execución deste tipo de proxectos, tamén promove a actividade cultural, social ou turística a través de iniciativas de todo tipo.
“Lalín representa á perfección a aposta que desde o goberno provincial estamos a facer tanto por impulsar proxectos estratéxicos como este auditorio como por descentralizar a actividade económica, turística e cultural. A celebración neste concello, no rural, da gala de entrega dos Premios Mestre Mateo é un bo exemplo do compromiso da Deputación para ofrecer á veciñanza de Lalín, do Deza e do rural os mellores servizos e demostrar que os grandes eventos poden realizarse fóra das grandes áreas urbanas”, sinalou o presidente provincial, quen lembrou tamén os 128 millóns de euros que mobilizará a Deputación o vindeiro ano a través dos plans de cooperacións nos concellos da provincia. “Esta é unha provincia de 61 concellos cos que estamos comprometidos en todo, con toda a forza da que dispoñemos”, concluíu o presidente Luis López.



