HomePontevedraO CondadoO concello de Ponteareas presenta no pleno a proposta de expediente sancionado...

O concello de Ponteareas presenta no pleno a proposta de expediente sancionado con informe do control exhaustivo do contrato do Servizo de Axuda no Fogar

- Anuncio -spot_img

O Concello de Ponteareas presentou no pleno ordinario a proposta de expediente sancionador, acompañada dun informe de control exhaustivo do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), e acordou a apertura dun expediente sancionador á empresa ÓBOLO, actual concesionaria, polos incumprimentos detectados na prestación do servizo durante os últimos meses.

A proposta municipal inclúe sancións económicas por faltas graves e moi graves derivadas do incumprimento das obrigas establecidas no contrato e na normativa vixente. Entre as principais infraccións constatadas destacan:

•         O incumprimento dos prazos de envío da documentación preceptiva aos organismos competentes, como os acordos de servizo e proxectos individuais de atención.

•         A falta de seguimento bimestral dos casos nos que non se requiren intervencións máis intensas, afectando á calidade e continuidade do servizo.

•         A non dispoñibilidade dos dispositivos móbiles coa aplicación de ÓBOLO, comprometidos na oferta da adxudicataria e necesarios para a correcta coordinación e control das intervencións.

•         Retrasos no inicio dalgúns servizos, tanto nos prazos ordinarios como nos casos urxentes.

•         A prestación de servizos distintos aos establecidos polos equipos técnicos municipais.

•         Demoras na entrega de axudas técnicas e material de protección, así como incumprimentos nas obrigas laborais e de Seguridade Social co persoal adscrito ao contrato.

As sancións propostas ascenden a diferentes importes segundo a gravidade das faltas, con multas de 3.001 euros por cada falta grave e 6.001 euros por falta moi grave, ademais de ata 1.500 euros por faltas leves. O importe total das sancións ascende a 22.507 euros.

Desde o goberno local destacan que moitas das incidencias detectadas foron xa corrixidas na actualidade, grazas ao traballo conxunto cos servizos técnicos municipais e á esixencia de melloras á empresa concesionaria. “Cumprimos co que dixemos desde o primeiro momento: primeiro garantir unha atención de calidade ás persoas usuarias, estabilizando o servizo, e despois depurar responsabilidades polos incumprimentos cometidos”, sinalan.

O Concello de Ponteareas lembra que este expediente responde aos incumprimentos acontecidos nos últimos meses e que o obxectivo principal é garantir a calidade do servizo e a protección das persoas usuarias, especialmente das máis vulnerables. “Como dixemos dende o principio, estamos do lado das traballadoras, pero priorizando sempre ás persoas dependentes que sen o apoio das coidadoras non poderían erguerse, almorzar ou manter unha hixiene axeitada”.

O goberno municipal lembra tamén que o seu compromiso coas persoas dependentes quedou reflectido no novo contrato do SAF, o de maior importe da historia do Concello, que permite un incremento das horas de atención, a mellora das condicións laborais e subas salariais das traballadoras.

Finalmente, o Concello explica que a apertura deste expediente sancionador é o mecanismo legal procedente, posto que unha rescisión do contrato non impediría que a empresa puidese volver presentarse nun novo concurso público.

Publicacións Relacionadas