O presidente da Deputación visitou as instalacións do Centro de Procesado Avícola, en Santa Cruz de Arrabaldo, onde traballan máis dun millar de empregados
Menor insiste no “compromiso continuo de desenvolvemento do rural” como clave do éxito do grupo empresarial, que dá emprego a máis de 7.000 persoas entre traballadores e socios
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou en Santa Cruz de Arrabaldo o Centro de Procesado Avícola de Coren, a principal cooperativa agroalimentaria cárnica de España, que reúne a 7.000 familias entre socios e empregados. Menor, acompañado pola vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, percorreu as instalacións da man do director xeral do grupo, Emilio Rial, enxalzou a “vangarda” do complexo, no que traballan máis dun millar de empregados.
Luis Menor destacou que unha das claves do éxito desta empresa ourensán é “manter a súa implantación no territorio” dende hai sesenta anos, con ese compromiso continuo de xerar riqueza e emprego, converténdose o grupo en “oportunidade de vida” para os milleiros de traballadores que forman parte da empresa, sempre “comprometida co rural e con Ourense”.