Na presentación do ciclo de conferencias “Conversaciones: Quo Vadis…?”, o presidente provincial puxo en valor a calidade dos produtos agrícolas como factor determinante para que Ourense se converta na sexta ‘zona azul’ do planeta polo seu elevado número de centenarios
Menor presentou a ponencia de Manuel Pimentel, ex ministro de Traballo que abordou os retos da sociedade no marco da agricultura e a alimentación
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou na segunda edición de “Conversaciones: Quo Vadis…?”, un ciclo de conferencias que conta co apoio do goberno provincial e que tivo como protagonista ao ex ministro de Traballo durante o goberno de José María Aznar, Manuel Pimentel. “Sociedad, agricultura y alimentación ¿una relación equívoca?” foi o título da conferencia que se celebrou no centro cultural Marcos Valcárcel.
O presidente provincial fixo un repaso pola biografía do ponente, que destaca pola súa participación en empresas andaluzas vinculadas á agricultura e ao medio ambiente. Neste senso, Luis Menor puxo en valor a riqueza do campo ourensán como unha das claves da calidade de vida no noso territorio. “Se temos a posibilidade de ser declarada como sexta ‘zona azul’ do planeta, pola ultralonxevidade dos nosos habitantes, un dos factores determinantes podería ser a calidade dos produtos agrícolas de proximidade”, sinalou o presidente.
Menor incidiu en que sen o campo ourensán, a gran cantidade de centenarios que atesoura a provincia sería “moi diferente, ou inexistente”. Ademais, o presidente provincial invitou a reflexionar sobre o esquecemento que a sociedade urbana europea fai do campo e o abandono que senten agricultores e gandeiros.
Manuel Pimentel dividiu a súa intervención en tres bloques, abordando en primeiro lugar a visión negativa da agricultura que ten a sociedade urbana europea. No segundo bloque falou da economía do sector e, por último, reflexionou sobre o futuro da actividade agraria. “A sociedade urbana non sabe de agricultura, pero sabe o que lle custa o carro da compra”, sinalou Pimentel. O experto insistiu en que a sociedade “preocúpalle cero a alimentación e moito o medio ambiente”, motivos polos que as regulacións aprobadas “expulsaron aos agricultores, facéndoos invisibles”.
Biografía de Manuel Pimentel
Manuel Pimentel (Sevilla, 1961) é enxeñeiro agrónomo, licenciado e doutor en Dereito, diplomado en Alta Dirección de Empresas e máster en Prevención e Xestión de Riscos na Comunidade. É editor da editorial Almuzara, director e presentador de Arqueomanía, o programa de divulgación arqueolóxica de TVE2, así como membro do consello asesor de diversas empresas. Pimentel escribiu 10 novelas, 4 libros de relatos e un total de 15 ensaios, ademais de coordinar varios estudos e monografías.