A Xunta de Goberno estuda aprobar mañá un proxecto de modificación orzamentaria de 16 millóns para pagar o diferencial do custo do servizo de transporte en anos pasados

adminON
Lectura mínima de 1

O goberno municipal subliña que esta cantidade, en todo caso, é sensiblemente inferior á que se tería pagado se o servizo tivese sido licitado

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense estuda aprobar mañá, venres, na súa sesión desta semana, o proxecto de modificación orzamentaria 25P/2024, por importe de 16.661.861,77 euros. A súa finalidade é pagar o diferencial do custo do servizo de autobuses urbanos durante os últimos anos.

Con este acordo o Concello pagaralle á empresa concesionaria a diferencia económica que existe entre a cantidade abonada durante estes anos e o custo real dos servizos prestados ao Concello.

O goberno municipal subliña que esta cantidade, en todo caso, é sensiblemente inferior á que tería pagado o Concello se tivese licitado un novo contrato de transporte urbano. De feito, a concesión pasaría de 6,5 millóns de euros a 10,5 millóns de euros anuais coa próxima concesión, que se acaba de licitar.

O proxecto de modificación orzamentaria financiariase con remanente de tesourería para gastos xerais. Unha vez aprobado pola xunta de goberno local, o acordo elevaríase ao Pleno do Concello para que procedese, no seu caso, á aprobación provisional da modificación proposta.

Comparte este artigo