O Plan de Usos recolle as propostas dos encontros mantidos nos últimos meses entre a Xunta de Galicia e a Deputación co tecido asociativo vigués así como as achegas enviadas pola cidadanía a través da caixa de correos virtual habilitada
“Síntome moi orgullosa de ver como a colaboración entre estas dúas institucións se materializa en grandes proxectos para a miña cidade”, asegurou a vicepresidenta quen enxalzou que “o Fraga será un grande espazo aquí, en Vigo, en Galicia e me atrevería a dicir que en toda España, grazas á implicación de todas e todos os vigueses con este proxecto”
O conselleiro de Cultura, López Campos, quen agradeceu “as valiosas achegas” da cidadanía que son “tidas en conta” na futura programación do Teatro Cine Fraga, avanzou as liñas estratéxicas deseñadas para converter este espazo no “epicentro da innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra participou esta tarde xunto co conselleiro de Cultura, José López Campos, na presentación do Plan de Usos para o Teatro Cine Fraga que, segundo declarou Sánchez, situará a Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, “nun lugar referencial en canto á creación e a difusión cultural”. Unha folla de ruta enriquecida coas propostas dos encontros mantidos nos últimos meses entre a Xunta de Galicia e a Deputación co tecido asociativo vigués así como as achegas enviadas pola cidadanía a través da caixa de correos virtual habilitada. “Síntome moi orgullosa de ver como a colaboración entre estas dúas institucións se materializa en grandes proxectos para a miña cidade”, asegurou a vicepresidenta quen enxalzou que “o Fraga será un grande espazo aquí, en Vigo, en Galicia e me atrevería a dicir que en toda España, grazas á implicación de todas e todos os vigueses con este proxecto”.
O conselleiro de Cultura, López Campos, quen agradeceu “as valiosas achegas” da cidadanía que son “tidas en conta” na “ampla e variada” futura programación escénica, musical, audiovisual e literaria que se vai desenvolver no Teatro Cine Fraga, avanzou as liñas estratéxicas deseñadas para converter este espazo no “epicentro da innovación cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. Deste xeito, adiantou que a recuperación proxectada para o Fraga pasa por transformalo nun espazo arquitectónico “flexible e polivalente que favoreza a produción e experimentación”, a través de obradoiros e laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais e literarias. Nesta liña, anunciou a posta en marcha de residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular, “dándolle así pulo e espazo aos creadores da cidade e contorna, pero tamén propiciando sinerxías e colaboracións entre artistas do territorio galego, do resto de España e de Portugal”.
Tamén puxo en valor o conselleiro que esta proxección e impulso da creatividade se complementará con actividades formativas co obxecto de que “favorezan a profesionalización deste sector” o que intrepretou que, consecuentemente, “repercutirá no seu desenvolvemento social e económico”.
Sala polivalente de ata 2000 persoas para teatro, concertos ou cinema
Durante a exposición pública deste plan de usos, os representantes de ambas dúas administracións salientaron “o dinamismo arquitectónico” dos 7.000 metros cadrados cos que conta edificio, dos que “se tirará o máximo proveito para optimizalo”. En concreto, apuntaron que se disporá dunha sala que se transformará para acoller tanto espectáculos teatrais, como concertos ou cinema, ao contar cun espazo flexible cunha capacidade para 860 persoas, cinguíndose só ao emprego de butacas, “pero que permite albergar ata un total de 2.006, ao ser posible a retirada de parte dos asentos para certos espectáculos”, aclararon.
Espazo museístico homenaxe ao cinema e a Isaac Fraga
Adiantaron tamén que o Teatro Cine Fraga vai contar cun espazo museístico de “alto valor cultural”. Ao respecto, lembraron que irá destinada “a preservar, destacar e compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e Galicia” ao render homenaxe a Isaac Fraga, un dos exhibidores cinematográficos máis improtantes de Galicia que encargou este inmoble hai máis de 80 anos. Deste xeito, na sala amosarase “a memoria viva” da cultura audiovisual de Vigo e da Comunidade, ao tempo que confirmaron que está prevista a recuperación do histórico órgano de cine, único en España.
Creación e coidado de novos públicos e creadores culturais
Tamén haberá espazo á participación da infancia na vida cultural, a través de actividades e obradoiros dirixidos á rapazada e mocidade co fin de estimular a creatividade e a experimentación. Igualmente crearase un club infantil para que o público máis miúdo asista e participe en eventos culturais que se programen no Teatro Cine Fraga e haberá unha cafetería que servirá como punto de encontro informal entre a cidadanía e este novo espazo cultural.
Compromiso coa cidade de Vigo
“Isto non fixo máis que comezar”, manifestou Luisa Sánchez quen recordou que o obxectivo final do Plan de Usos do Teatro Cine Fraga e adaptar este espazo para enchelo “dunha programación cultural accesible, diversa, regular e ambiciosa de carácter nacional e internacional”. “Hoxe – engadiu-damos a coñecer o horizonte que temos deseñado entre todos para este espazo que merecía toda a nosa atención e síntome moi feliz de liderar xunto coa Xunta de Galicia este proxecto de recuperación que é un exemplo máis do compromiso que temos coa cidade de Vigo”.
Ao respecto a vicepresidenta recordou que a Deputación de Pontevedra ten comprometidos xa 30 millóns de euros en actuacións como a grada Gol de Balaídos e diferentes proxectos como o ascensor de Marqués de Valterra, as ramplas de Pintor Colmeiro, a humanización da rúa de San Roque ou a reforma dos parques Finca Matías e Nelson Mandela, entre outros. “Sumamos sinerxías e esforzos, con todos e para todos, dando pasos para modernizar a cidade de Vigo e convertela un lugar cheo de oportunidades, cunha oferta cultural máis ambiciosa, dinámica, moderna e aberta”.