A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este luns na presentación do XIII Festival Groba, organizado pola Fundación Groba, que acolleu a sede de Vigo da institución provincial. A cita, que se celebrará entre o 17 e 23 de agosto en Ponteareas, permitirá desfrutar de oito concertos gratuítos de música clásica da man de recoñecidos intérpretes a nivel internacional. “Cumprides así un dos soños do mestre Groba, ao difundir desde Galicia o mellor da música e garantir que o acceso á cultura sexa universal”, asegurou a vicepresidenta, que tamén felicitou a organización “por deixar sempre o listón tan alto”.
Luisa Sánchez aproveitou tamén a ocasión para poñer en valor o evento, “que é un dos espectáculos de música de cámara máis importantes da provincia de Pontevedra”. Ademais, a vicepresidenta remarcou o apoio da Deputación “aportando 15.000 euros a través dun convenio de colaboración”. “Facémolo”, engadiu, “porque cremos firmemente nel e en vós, do mesmo xeito que cremos na cultura e na súa capacidade transformadora para conseguir unha sociedade mellor”.