A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes nunha xornada informativa e de sensibilización organizada en Vigo pola Asociación Párkinson Vigo. A actividade, que se celebrou no Auditorio do Teatro Afundación, inclúese nas accións do Mes do Párkinson co gallo da conmemoración do Día Mundial do Párkinson, declarado o 11 de abril. Na xornada interviñeron a investigadora do CIMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas da Universidade de Santiago), Ana Isabel Rodríguez e a neuróloga do Complexo Hospitalario de Ourense e investigadora do CIMUS, Carmen Labandeira.
A vicepresidenta provincial puxo en valor o lema “Non deas nada por sentado” empregado pola Federación Española do Párkinson este ano, e lembrou que “cando falamos dunha enfermidade na que se mesturan falta de información e estigmas, temos que traballar para que a sociedade sexa consciente de que as imaxes que moitas veces nos creamos non se corresponden coa verdade”. Luisa Sánchez, que lembrou que a enfermidade afecta arredor de 2.000 persoas en Vigo, 13.000 en Galicia e unhas 160.000 en España, puxo o foco en que “hai máis síntomas que os que normalmente asociamos con ela, con graves riscos e consecuencias a nivel familiar, social ou laboral”. Por iso, avogou polo “labor fundamental das asociacións, a carón das familias prestando servizos fundamentais, e de xornadas como esta, con expertos que poden dar respostas ás preguntas sobre unha cuestión que xera tantas dúbidas”.