A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, sinalou este mércores a importancia de que a provincia de Pontevedra acolla o Top 8 Infantil Feminino de balonmán, a fase final do Campionato de España de clubs que se celebrará do 29 de maio ao 1 de xuño en Bueu e Redondela trala clasificación do Lapamán Bueu Atlético e o SAR Rodavigo de Redondela. “Somos a provincia do deporte, pero especialmente somos a provincia do balonmán, e nesta fase final imos amosar a altísima calidade das nosas xogadoras á vez que nos seguimos posicionando como un destino deportivo de altura”, sinalou Luisa Sánchez, que lembrou que “a chegada de 200 xogadoras e mil acompañantes terá repercusión no desenvolvemento económico da provincia, con moitas familias que dependen do sector turístico”
A vicepresidenta da Deputación puxo en valor o traballo que se está a levar a cabo desde a institución provincial, “da man da comunidade deportiva e dos concellos”, para situar a provincia no epicentro das grandes competicións deportivas. “Este obxectivo sería imposible sen a implicación de toda a cadea e queremos agradecer os vosos esforzos”, afirmou a vicepresidenta, que tamén trasladou os seus parabéns ao As Casiñas Luceros de Cangas do Morrazo pola súa clasificación no Top 8 Infantil Masculino.