A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves na presentación da nova edición do MS2 CUP, o torneo internacional de fútbol base “no que colaboramos ano a ano xa que cremos na gran capacidade que temos nesta provincia para poñernos no mapa dos mellores eventos deportivos do mundo”. A vicepresidenta lembrou que desde o executivo provincial “estamos traballando para facer a gran visión que temos desta provincia, e sendo conscientes como somos do altísimo nivel que temos, xa que somos canteira, queremos estar á altura en todos os aspectos do mundo deportivo coa organización de grandes eventos”.
Luisa Sánchez puxo en valor que “persoas como Michel Salgado compartan esta visión, porque por máis que nós teñamos prestemos toda a nosa axuda, non hai visión sen a implicación dos clubs, federacións e deportistas, que sodes quen poñedes toda a carne no asador e levades o peso”. Por iso agradeceu a súa aposta polo torneo, que se celebrará este venres e o 15 de xuño na Cidade Deportiva da Madroa, “con equipos de fútbol-11 e fútbol-8 de todo o mundo e sen deixar de lado a inclusión, con ese partido especial entre o RC Celta Integra e o RC Deportivo Genuine”. “Ademais de promover o deporte e engrosar as nosas bases”, sinalou a vicepresidenta, “reforza a posición de Vigo e a provincia como destino turístico de primeiro nivel”.