Mosquera asegura que a Deputación ten dedicido “putear” ao Concello de Pontevedra ao conxelar as súas achegas

adminON
Lectura mínima de 4

O voceiro nacionalista destaca que este goberno do PP pasará á historia como o que peor tratou á vila do Lérez e a Vigo

O voceiro provincial do BNG César Mosquera asegurou hoxe no Pleno da Deputación que o PP ten decidido “putear” ao Concello de Pontevedra ao conxelar as achegas provinciais. Destacou que este goberno do PP pasará á historia como o que peor tratou ao goberno da vila do Lérez e a Vigo.

Mosquera indicou que o PP está a limitar ao mínimo a cantidade de fondos provinciais transferidos a Pontevedra (capítulo 7 do orzamento), 2,5 millóns de euros anuais, a pesares de que o orzamento provincial medrou significativamente nos últimos anos. Segundo subliñou, en 2024 varios concellos da provincia con moita menos poboación que a capital -puxo os exemplos de Vilagarcía, Lalín ou A Estrada- recibiron máis que Pontevedra en termos absolutos sumando as diferentes liñas de subvencións provinciais (+ Provincia, Plan Extra, PEID, etc).

“A realidade é que a proposta total de transferencias é a menor dende o ano 1998. (…)  Entón había máis esforzo que hoxe”, dixo Mosquera, lembrando que nunca houbera tal desproporción para co goberno local de Pontevedra e Vigo nin nos peores tempos económicos de Abeledo.

O voceiro nacionalista fixo estas críticas ao goberno da Deputación no punto da modificación de crédito provincial. Subliñou que dos 43 millóns de euros que se aprobaron para inxectar aos concellos da provincia, para Pontevedra e a cidade olívica “van cero euros”. Pediu aos dirixentes do PP que non fagan “contas estrañas de trileros” e un esforzo para recompoñer a situación. “Non somos de queixarnos por queixarnos, pero isto non o podemos entender”, insistiu, “non se trata de abrir unha guerra localista, pero isto clama ao ceo. Reclamariamos o mesmo para calquera outro concello”.

A queixa pola asignación para Pontevedra e Vigo é unha demanda que o BNG leva facendo xa dende hai tempo co fin de garantir un maior equilibro no reparto dos fondos provinciais, dado que o goberno provincial ten capacidade económica para mellorar a situación das dúas maiores cidades da provincia. Explicou ao PP que, fronte ao seu discurso, foi un feito que durante o bipartito ademais do convenio de 2,5 millóns de euros correspondente a Pontevedra, a cidade recibiu en 2018 practicamente outro 1,5 millóns por outros proxectos a maiores. “Vístano como queiran. Teñen decidido putear ao Concello de Pontevedra”, dixo, preguntándose con sarcasmo “cales son os motivos”.

O nacionalista insistiu que o goberno da Deputación non pode incluír nas achegas ao Concello de Pontevedra os investimentos que realiza como institución nas súas propias infraestruturas e departamentos. Puxo o exemplo de que facer iso sería como que a Xunta de Galicia incluíse a Cidade da Cultura de Compostela como unha achega ao concello de Santiago.  

Comparte este artigo