O concerto de piano e frauta de Raúl Rodríguez e Manuel Morales pecha este martes ás 19:00 h no Museo o ciclo ‘O Son do Piano’

adminON
Lectura mínima de 4

Mañá martes ábrese o prazo para a inscrición no obradoiro para público adulto ‘Castelao e o linogravado’

Este martes 12 de marzo, péchase o ciclo de tres concertos ‘O Son do Piano’ coa actuación do frautista Manuel Morales e o pianista Raúl Rodríguez. Xuntos presentarán o espectáculo ‘…Música, onte-hoxe…’, unha perspectiva da música de onte ata hoxe en día unindo compositores de distintos períodos. Será ás 19:00 h no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.

No programa do concerto, Rodríguez e Morales interpretarán a Sonata (1936) de Paul Hindermith, a Suite nº 5 Op. 2 Mi menor (1715) de Jaque-Martin Hotteterre, a Sonatine (1943) de Henri Dutilleux, a Sonata KV 13 Fa mayor (1764) de W. A. Mozart, Cantiga (2011) de Jesús González, Sonata Undine Op. 167 (1882) de Carl Reinecke, Preludio nº 1 BWV 846 (+-1722) de J.S. Bach e Spiegel im Spiegel (1978) de Arvo Pärt.

Manuel Morales é graduado polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid con mención de honor fin de carreira e no Real Conservatorio Superior de Música da Haia (Holanda) en frauta travesa e traverso barroco. Premiado no Concurso Internacional de Música de Cámara Guadamora en Pozoblanco (Córdoba) e na prestixiosa Baroque Flute Artist Competition en Dallas (EEUU). É doutor en Música (Performance) pola Universidade de Aveiro (Portugal) e catedrático no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Raúl Rodríguez compaxina o seu labor de intérprete coa docencia na academia Bambera de Vigo. No seu repertorio mostra interese pola cultura musical galega. No ano 2021 recibe o Premio Extraordinario Fin de Grao Superior, outórganlle o primeiro premio do VII Concurso de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Vigo e o terceiro premio do VI Concurso de Solistas do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Inscrición ao obradoiro de linograbado
Por outra parte, mañá martes ábrese o prazo para inscribirse no obradoiro para público adulto ‘Castelao e o linogravado’. Será os días 1, 2, 3 e 4 de abril, de 17:00 a 19:30 h, cun total de 10 horas de duración. Haberá 15 prazas dispoñibles, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición escribindo a partir deste martes 12 de marzo ás 9:00 h a reservas.museo@depo.gal, indicando o nome e número de teléfono de contacto.

O obradoiro será impartido por Nelson Gómez Callejas e Pilar Delmas Filgueira. Nel farase unha introdución ás características desta técnica e unha explicación da súa importancia en Pontevedra, onde foi introducida por Castelao, logo da súa viaxe por Europa en 1921. Logo tivo continuidade na cidade grazas ao seu discípulo Luis Pintos Fonseca e ás ilustracións das revistas Cristal e Spes.

Durante o obradoiro, as e os participantes coñecerán a técnica do linóleo e a obra de Castelao baseada nesta técnica e a doutros artistas que se inspiraron no artista de Rianxo. Ademais, aprenderán a facer rexistros, seguindo os pasos das litografías e a estampar en papel especial e tea, ademais de achegarse ao mundo da caligrafía. As persoas participantes realizarán os seus propios gravados con linóleo e estamparanos en papel ecolóxico e nunha bolsa de tea ecolóxica.

Comparte este artigo