HomeO MorrazoMarínO BNG reclama manter naturalizado o vial das praias para preservar a...

O BNG reclama manter naturalizado o vial das praias para preservar a paisaxe litoral

- Anuncio -spot_img

Lucía Santos solicitou aclaracións sobre o tipo de material que finalmente se vai empregar no Vial de Praias, insistindo en que unha senda destas características debería adaptarse á contorna natural e evitar o uso de materiais urbanos

Na comisión informativa de Urbanismo celebrada o pasado 29 de decembro, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) trasladou varias dúbidas sobre os materiais previstos no proxecto do Vial de Praias, actualmente en execución.

A portavoz nacionalista, Lucía Santos, lembrou que o vial existente até agora estaba realizado en xabre, un material que permite manter a integración paisaxística e o carácter natural do contorno polo que discorre a senda.

Porén, segundo recolle o proxecto do Itinerario litoral para a mobilidade sostible, só o tramo comprendido entre a última entrada da ENM e Portocelo figura como “senda naturalizada”, indicando como material a empregar xabre ou granulado estabilizado.

Nos demais treitos —desde o antigo hospital até a entrada final da ENM, e desde o miradoiro de Portocelo até a praia de Mogor—, o proxecto contempla o uso de baldosas ou formigón, a pesar de que actualmente eses tramos se atopan tamén naturalizados con xabre.

Durante a comisión, Lucía Santos solicitou aclaracións sobre o tipo de material que finalmente se vai empregar, insistindo en que unha senda destas características debería adaptarse á contorna natural e evitar o uso de materiais urbanos, como as baldosas, que rompen coa estética e o espírito do itinerario litoral.

Pola súa parte, o concelleiro que preside a comisión de Urbanismo, Manuel Santos, asegurou non ter constancia da utilización de baldosas na execución da obra, aínda que se comprometeu a revisar o proxecto, no que efectivamente aparece recollida esa previsión.

O BNG reitera así a súa defensa dun modelo de mobilidade sostible e respectuosa coa paisaxe, reclamando que a senda das praias conserve o seu carácter natural e acorde coa identidade do litoral.

Publicacións Relacionadas