O goberno da Deputación esíxelle á Xunta que non deixe a provincia de Lugo fóra dos fondos de compensación interterritorial

Redacción
  • A Administración autonómica leva anos destinando a proxectos únicos da franxa atlántica, como o hospital de Montecelo, o diñeiro que lle dá o Estado para equilibrar o territorio galego
  • O executivo levará unha proposta neste senso a pleno. Lembra que o Consello de Contas leva anos advertíndolle á Xunta da “deficiente planificación e execución destes fondos”. Deixou sen investir o diñeiro de 2020 e executou fondos sen asignalos a proxectos rexistrados

O goberno da Deputación instará á Xunta de Galicia a que revise o modelo de reparto do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) para atender as necesidades que ten a provincia de Lugo, de acordo ao que marca a lei e atendendo ao ditame que vén facendo dende hai anos o Consello de Contas de Galicia.

Os grupos que conforman o executivo provincial levarán ao pleno do próximo martes unha iniciativa nesta liña, xa que dende o ano 2022 a provincia de Lugo non recibiu nin un só euro deste fondo.

O diñeiro do Fondo de Compensación Interterritorial procede do Estado e o seu destino é axudar a compensar as diferencias dos territorios. “Que unha provincia de poboación envellecida, con moita dispersión e cun gran peso do rural quede fóra dese reparto supón incumprir o propósito para o que foi creado este fondo”, remarcan socialistas e nacionalistas.

Esta situación deriva de dúas decisións que demostran que o PP non coloca nunca a Lugo no mapa das súas prioridades, sinalan os grupos políticos. Ata o ano 2015, o FCI empregouse en proxectos multiterritoriais como estradas ou saneamento, e nesas datas, Lugo, e tamén Ourense, entraban dentro do reparto, como resulta lóxico ante a necesidade de acortar a brecha de desenvolvemento entre a franxa atlántica e a Galicia interior. Pero por esas datas, o Goberno estatal, co popular Mariano Rajoy á fronte, recortou estes fondos nun 27% e a Xunta, dirixida por Alberto Núñez Feijóo, cambiou o modelo de xestión. Nun primeiro momento apostou por concentrar os investimentos na franxa atlántica e, a partir de 2020, optou por destinalos a proxectos únicos.
En 2024, dos 38,6 millóns que foron asignados polo Estado á comunidade autónoma, o 100% foron para a ampliación do hospital pontevedrés de Montecelo. O ano anterior, igualmente A Coruña, Lugo e Ourense recibiron cero euros.

A Xunta pretende xustificar este cambio de modelo, que anula a finalidade real dos fondos, que en realidade trata como unha parte máis do seu orzamento, dicindo que así cumpre os criterios fiscais e garante a execución das obras. O Consello de Contas vén sinalando dende hai anos seus informes as eivas na xestión deste fondo, como a non execución do diñeiro (30,5 millóns de 2020) ou a execución de diñeiro sen telo asignado a ningún proxecto rexistrado no ministerio. O órgano fiscalizador ve “deficiencia estrutural na planificación e a execución”.

Ante esta situación, o goberno provincial someterá a debate e votación unha proposta con tres puntos. Pide que a Xunta abandone o modelo de “proxecto único” e empregue os fondos asinados ó Fondo de Compensación Interterritorial de xeito equilibrado no conxunto das catro provincias galegas, de acordo ca finalidade para a que foron creados. Para iso, solicítalle ao Goberno galego que teña en conta as necesidades da provincia de Lugo en materia de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos. E en terceiro lugar, demándalle transparencia e que aclare no Parlamento como empregou este diñeiro nos últimos anos, así como a xestión que fixo dos remanentes desde 2020.

Comparte este artigo