“Nestes dous anos de goberno asinamos convenios con 19 concellos, contratamos 43 obras en 30 concellos e temos outras sete en fase de contratación para mellorar a mobilidade viaria nas estradas provinciais”, subliñou a deputada de Infraestruturas Públicas Belén Cachafeiro
“Somos un goberno que se preocupa pola veciñanza, por garantir a súa seguridade e traballa, día tras día, con ilusión, para mellorar a vida da xente”, destacou a deputada
O goberno de Luis López destinou nos dous primeiros anos de mandato máis de 40 millóns de euros a manter en óptimas condicións a rede de 1.700 quilómetros de estradas provinciais. “Cando o presidente me encomendou dirixir a área de Infraestruturas Públicas insistiu en non escatimar recursos para garantir que estas vías, imprescindibles na vertebración dun territorio como o noso, sexan as máis seguras da provincia”, remarcou a deputada provincial Belén Cachafeiro.
Neste eido, a deputada provincial recordou que “nestes dous anos de goberno asinamos convenios con 19 concellos da provincia valorados en 17 millóns de euros, así como contratamos 43 obras en 30 concellos por valor doutros 12 millóns de euros e temos outras sete actuacións en fase de contratación que ascenden a 4,5 millóns de euros”. En liñas xerais, trátanse de obras para recuperar espazos públicos e mellorar a mobilidade peonil e a seguranza viaria, así como para actuacións de urbanización e remodelación de vías provinciais, para reparar pasarelas, crear sendas peonís, repoñer firme, realizar reparacións e construcións de muros de contención e pontes, mellorar beirarrúas e noiros, ou realizar ensanches e ampliacións, proxectos de urbanización e melloras da drenaxe e da sinalización.
Estes recursos, ademais, complétanse con outros 2 millóns de euros para a execución de cunetas de seguridade nas estradas provinciais da provincia e tamén con 4,5 millóns destinados a actuacións de conservación de firmes na rede viaria da Deputación de Pontevedra. “Somos un goberno que se preocupa pola veciñanza, por garantir a súa seguridade e traballa, día a día, con ilusión, para mellorar a vida da xente”, destacou Cachafeiro.