O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo un encontro hoxe co alcalde do municipio pontevedrés de Campo Lameiro, Carlos Costa, para avanzar en próximas colaboracións nas materias que teñen que ver coa súa área de actuación.
A xuntanza, enmarcada na liña de reunións que o representante da Xunta está a manter cos diferentes rexedores locais, busca escoitar as necesidades do concello para abrir vías de cooperación entre ambas as dúas administracións en cuestións relacionadas con accións de dinamización cultural, de fomento da lingua galega e de posta en valor do patrimonio.