HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO goberno de Luis López investiu en dous anos 235 millóns de...

O goberno de Luis López investiu en dous anos 235 millóns de euros que se traducen en máis dun milleiro de obras nos concellos da provincia

- Anuncio -spot_img

María Ramallo, deputada de Cooperación Municipal: “Nunca antes se destinaran tantos recursos para os concellos: 175,4 millóns en dous anos soamente a través dos plans +Provincia, Plan Extra, PON2030 ou o de Infraestruturas Deportivas”

Jesús Vázquez Almuíña, deputado de Asistencia a Concellos: “Este é o goberno máis municipalista da historia e nestes dous anos colaboramos cos concellos tamén axudándoos a prestar un servizo público axeitado”

Ricardo Martínez, deputado de Novas Tecnoloxías: “En dous anos investimos preto de 6,5 millóns de € para impulsar a capacitación tecnolóxica dos concellos e construír unha provincia máis dixitalizada, máis vangardista, dinámica e moderna”

Alejandro Lorenzo, deputado de Xestión Tributaria e Emerxencias: “Anticipamos ata 203 millóns aos concellos nestes dous últimos anos e aprobamos o primeiro convenio colectivo e a primeira Relación de Postos de Traballo do Consorcio de Bombeiros”

O goberno de Luis López converteuse no maior investidor nos concellos da historia da Deputación de Pontevedra. Con recursos que ascenden a máis de 235 millóns de euros e que se traducen en máis dun milleiro de obras nos concellos da provincia, o equipo actual de goberno da Deputación conseguiu que o municipalismo que abandeira sexa en dous anos unha realidade. Soamente a través dos plans +Provincia, Plan Extra, PON2030 ou o de Infraestruturas Deportivas investiu directamente nos concellos 175,4 millóns de euros, así como puxo á disposición dos municipios persoal técnico para garantir que poidan prestar un servizo público axeitado. A Deputación tamén destinou preto de 6,5 millóns de euros para capacitar tecnoloxicamente os concellos ou, entre outras moitas iniciativas, anticipou 137 millóns de euros a través do ORAL.

“Nunca antes se destinaran tantos recursos para os concellos”, asegurou a deputada de Cooperación Municipal, María Ramallo, que remarcou iniciativas que lidera o seu servizo como os plans +Provincia, dotado nestes dous anos de 96,4 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes; o Extra, con 38 millóns de euros tamén para os mesmos concellos; o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, con 12 millóns de euros para 59 concellos; ou o PON2030, dotado de 28,1 millóns de euros para 40 concellos. Uns recursos que, ademais, se traducen en preto dun milleiro de obras: 600 a través do +Provincia, 180 do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 59 do Extra ou 40 do PON2030. Tamén lembrou a deputada provincial as preto de 1.400 persoas contratadas nos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes a través da liña 3, de fomento do emprego, do Plan +Provincia.

Asistencia intermunicipal

Pero non soamente coopera cos concellos a través de recursos económicos, senón prestando asistencia intermunicipal a través do servizo que lidera o deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña.  “Este é o goberno máis municipalista da historia”, subliñou o deputado, que engadiu que o municipalismo é “escoitar, entender e atender, e traballamos para poder axudar a prestar un servizo público axeitado”. Ao respecto, lembrou os máis de 300 informes xurídicos, técnicos e consultas de concellos atendidas, a participación en máis de 200 tribunais e mesas de contratacións, as máis de 140 asistencias técnicas en actos de recepción de obras ou subministracións en concellos, os preto de 125 vehículos abandonados en 44 concellos retirados sen custo para as arcas municipais, ou a elaboración de modelos de documentación técnica, circulares e notas informativas. Ademais, nestes dous anos de goberno, a Deputación facilitou o acceso á información pública, abriu un novo espazo de transparencia nos procesos selectivos e implantou unha canle interna de denuncias sobre infraccións normativas para a loita contra a corrupción.

Capacitación tecnolóxica

Outro dos eixos de traballo directo cos concellos é o relacionado coas novas tecnoloxías, área que xestiona o deputado provincial Ricardo Martínez. “En soamente dous anos investimos preto de 6,5 millóns de euros para impulsar a capacitación tecnolóxica dos concellos e construír unha provincia máis dixitalizada, máis vangardista, dinámica e moderna”, subliñou o deputado. Ao respecto, máis de 2,5 millóns de euros son para mellorar o funcionamento dos concellos con  ferramentas como a aplicación móbil Meu Concello, o portal de transparencia, o sistema intelixente de xestión de órganos colexiados, a plataforma de xestión, análise e presentación dos indicadores relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, novos equipamentos informáticos, a integración coa carpeta cidadá da Administración Xeral do Estado ou a nova oficina de asesoramento aos concellos que se lanzou este último mes.

Tamén se destinaron máis de 1,5 millóns de euros aos programas SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural, que prestaron máis de 3.600 asesoramentos sobre novas tecnoloxías atendendo máis de 650 empresas e realizando máis de 220 actividades de capacitación con máis de 2.300 persoas asistentes. Ademais melloráronse os sistemas de ciberseguridade e equipos para prestar un mellor servizo público, púxose en marcha o Observatorio de Competitividade Provincia Extraordinaria e impulsáronse programas de formación para o persoal das administracións públicas e de pequenos e medianas empresas sobre ciberseguridade e Intelixencia Artificial.

ORAL e Emerxencias

Outra das fontes de recursos para os concellos provén do ORAL, un organismo que foi optimizado nestes dous anos, incrementando a presenza no territorio provincial con nove novas delegacións, incorporando máis facilidades para as persoas contribuíntes e mellorando a xestión interna coa implantación de certificados de calidade. Ademais, tal e como lembrou o deputado responsable de Xestión Tributaria e Emerxencias, Alejandro Lorenzo, “incrementamos ata os 203 millóns de euros os anticipos aos concellos e estamos a liderar as reclamacións do IBI a Audasa, que ascenden a preto de 702.132 euros para unha ducia de concellos”.

Tamén se investiron preto de 8,2 millóns de euros para mellorar a atención das emerxencias na provincia de Pontevedra. Neste eido, nestes dous anos destináronse 7,1 millóns de euros para o Consorcio Provincial de Pontevedra para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, con 2,6 millóns para equipamento e material, preto de 3 millóns para a modernización dos parques de bombeiros e preto de 1,5 millóns para a mellora das condicións dos profesionais, destacando neste ámbito a aprobación do I Convenio Colectivo para o Persoal Laboral dos Parques e da primeira Relación de Postos de Traballo do Consorcio. Outros preto de 1,1 millóns de euros foron dirixidos aos Grupos de Emerxencia Supramunicipal da Estrada, Lalín, Redondela, Mos, A Guarda, a Mancomunidade do Val Miñor, O Grove, Ponteareas e Sanxenxo.

Publicacións Relacionadas