O Museo acolle o próximo mércores unha conferencia sobre o pintor Antonio Ortiz Echagüe

adminON
Lectura mínima de 3

A investigadora Montserrat Fornells, especialista na súa obra, analizará a relevancia na súa produción do ‘Retrato de nena de Atzara’, conservado no Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra organiza este mércores 23 de outubro unha conferencia sobre Antonio Ortiz Echagüe, un dos pintores costumistas españois máis importantes das primeiras décadas do século XX, presente na colección do Museo. Será ás 19:30 horas no Edificio Castelao, a cargo da investigadora e catedrática Montserrat Fornells Angelat.

Antonio Ortiz Echagüe (Guadalajara, 1883-Buenos Aires, 1942) é o autor do cadro ‘Retrato de nena de Atzara (Sardeña)’, un óleo de 1908 que se exhibe nas salas dedicadas á pintura española contemporánea no Edificio Castelao. É unha mostra destacada da pintura que desenvolveu na illa italiana de Sardeña, onde fixo nacer unha escola costumista sarda, que seguiu os seus pasos: a “Scuola di Atzara”.

O cadro é un busto frontal, moi en primeiro plano, dunha nena ataviada co traxe das campesiñas da localidade sarda de Atzara. Este retrato realizado en 1908 encádrase nunha serie de obras do mesmo ano que se atopan entre os máis recoñecidos do artista, como ‘Comida en Mamoiada’, no Museo de Belas Artes de Bilbao, e ‘Festa da confraría de Atzara’, no Museo San Telmo de San Sebastián.

Ortiz Echagüe foi un pintor cosmopolita e viaxeiro que se formou en París e Roma e percorreu varios países e tres continentes buscando captar nos seus cadros personaxes e vestimentas de lugares recónditos, especialmente mulleres que conservaban as súas tradicións fronte ao uniformismo do mundo moderno. Así pintou nos pobos de Sardeña, nos portos de Holanda, nos zocos de Marrocos ou nas chairas da Pampa Arxentina, obtendo cos seus cadros os maiores galardóns internacionais do momento. O seu estilo realista e costumista e a súa sólida formación académica combínanse cunha pincelada solta e un exultante sentido da cor próximos ao postimpresionismo e ao fauvismo.  

Montserrat Fornells Angelats é licenciada en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid e doutora en Historia da Arte pola Universidade do País Vasco. Museóloga e crítica de arte pola Universidade de Florencia (Italia), é tamén catedrática emérita do Instituto Usandizaga de San Sebastián.

Comparte este artigo