HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO Museo celebra o Día Mundial da Arquitectura con catro obradoiros para...

O Museo celebra o Día Mundial da Arquitectura con catro obradoiros para nenas e nenos de 6 a 12 anos

- Anuncio -spot_img

Serán actividades independentes que se desenvolverán nas mañás do sábado 30 de setembro e o domingo 1 de outubro; a inscrición farase a través do correo electrónico info@tallerabierto.gal

O Museo de Pontevedra organiza catro obradoiros polo Día Mundial da Arquitectura, que se celebra cada ano o primeiro luns de outubro. As actividades, dirixidas a nenas e nenos de 6 a 12 anos de idade, terán lugar o sábado 30 de setembro e o domingo 1 de outubro pola mañá. Terán unha duración de hora e media e son obradoiros independentes. A inscrición pode facerse a través do correo electrónico info@tallerabierto.gal.

O lema da conmemoración deste ano é “Arquitectura para comunidades resilientes”. A Unión Internacional de Arquitectos pon o foco na capacidade e responsabilidade da arquitectura para crear vida comunitaria. Aliñado con este obxectivo, o Museo propón catro actividades que acheguen esta disciplina á rapazada de educación primaria. Os obradoiros centraranse en conceptos e temas clave que axuden ás e aos participantes a comprender como a arquitectura e o urbanismo poden mellorar a vida das persoas.

Os obradoiros que se van desenvolver son:
• Sábado 30 de setembro, de 10.30 h a 12.00 h: As ferramentas da arquitecta
• Sábado 30 de setembro, de 12.15 h a 13.45 h: Do plano á maqueta
• Domingo 1 de outubro, de 10.30 h a 12.00 h: Recoñecendo a cidade
• Domingo 1 de outubro, de 12.15 h a 13.45 h: Imaxina o teu museo.

As ferramentas da arquitecta
Neste obradoiro que se desenvolverán o sábado 30 de 10:30 a 12:00 h, explicaranse os elementos e conceptos que manexan as arquitecturas e os arquitectos para desenvolver o seu traballo de maneira axeitada. Falarase de escala e das dimensións que deben ter as cousas para adaptarse á escala humana.

Do plano á maqueta
Unha construción materialízase en tres dimensións, pero é necesario facer un paso previo, o plano, no que se describen con precisión as dimensións, forma e materiais do que logo será edificado. O segundo obradoiro do sábado 30, de 12:15 a 14:45 h, propón saltar das dúas ás tres dimensións poñendo en xogo os mecanismos de visión espacial necesarios para entender o volume do previamente debuxado.

Recoñecendo a cidade
O domingo 1 de outubro desenvolverase un primeiro obradoiro centrado no urbanismo, en como xorden e se van conformando as cidades pola superposición de tecidos que responden a formas de construír e entender como debe habitarse o espazo. Nesta actividade as e os participantes aprenderán a recoñecer a forma urbana segundo a época e a entender o porqué da súa estrutura.

Imaxina o teu museo
O último obradoiro terá lugar o domingo 1 entre as 12:15 e a 13:45 h. Nesta sesión as e os participantes poderán coñecer como se combina o existente co novo nun exercicio plástico onde facer unha proposta alternativa de arquitectura contemporánea para o edificio Castelao.

Publicacións Relacionadas