HomePontevedraBNG levará ao Congreso rexeitar a prolongación da A-52 e liberar a...

BNG levará ao Congreso rexeitar a prolongación da A-52 e liberar a AP-9 como alternativa máis sustentábel

- Anuncio -spot_img

Néstor Rego defenderá a iniciativa a vindeira terza feira, 13 de maio, na Comisión de Transportes e Mobilidade sustentábel da cámara baixa

O BNG procura que o Goberno central rectifique a súa planificación e atenda a unha solución máis racional e adaptada ás necesidades reais da Galiza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá este martes, 13 de maio, unha proposición non de lei que busca deixar sen efecto o actual proxecto de prolongación da autovía A-52 entre O Porriño e Vigo, por consideralo innecesario, altamente lesivo para o territorio e socialmente rexeitado. No seu lugar, a formación nacionalista reclama a liberalización das peaxes da AP-9 e unha aposta decidida pola mellora da A-55 como solución realista, eficiente e sustentábel, aos problemas de mobilidade e seguridade na área metropolitana de Vigo.

O BNG alerta de que o proxecto impulsado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel implica un forte impacto ambiental, territorial e social, especialmente nos municipios de Mos —nas parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Tameiga—, en Vigo —na parroquia de Bembrive— e no Porriño. A infraestrutura proxectada contempla un túnel de 4 quilómetros e un viaduto de grandes dimensións, ademais de múltiples expropiacións, afectando vivendas, terreos e o benestar da veciñanza.

“A alternativa escollida polo Ministerio é un despropósito pois non resolve os problemas actuais de mobilidade, duplica unha infraestrutura xa existente e causa unha grave afección ambiental e social. Hai opcións mellores, máis baratas e máis respectuosas coa veciñanza” asegura Néstor Rego.

A iniciativa do BNG a debate na Comisión de Transportes

No concreto, o Congreso debaterá e votará unha iniciativa do BNG onde os puntos resolutivos recollen a necesidade de retirar o proxecto de trazado da A-52 entre O Porriño e Vigo, por ser innecesario, duplicar infraestruturas, e ter un elevado impacto territorial, ambiental e social. “A carteira de Transportes debe elaborar un novo estudo de alternativas, que inclúa a liberalización da AP-9 e melloras nas conexións viarias, para unha solución máis racional e sustentábel” defende Rego.

Do mesmo xeito, a formación nacionalista urxe axilizar as actuacións pendentes na A-55, especialmente nas zonas con maior sinistralidade, para garantir a seguridade viaria. “Todo isto, contando cos concellos e parroquias afectadas a través dun proceso de diálogo co fin de consensuar as actuacións de mobilidade necesarias de maneira participada” reivindica o deputado do BNG.

Analizar as alternativas máis sustentábeis

Rego lembrou que a AP-9 ofrece condicións técnicas superiores á A-55, mais soporta un volume de tráfico moito menor —debido ás peaxes— a pesar de discorrer en paralelo. “É ilóxico investir millóns en novas infraestruturas cando xa existe unha alternativa viaria viábel, pero infrautilizada polo custo das peaxes” engade.

O deputado nacionalista tamén criticou que o proxecto do Ministerio non contempla unha visión integral da mobilidade para a comarca de Vigo, nin valora alternativas como o reforzo do transporte colectivo ou a implantación dun servizo de cercanías entre Vigo e Tui. “O Goberno debería traballar na liña da Axenda 2030, reducindo o uso do vehículo privado e fomentando modos de transporte máis sustentábeis” indica.

Rego insiste en que o proxecto actual “non vai mellorar a seguranza viaria nin a articulación da área de Vigo, senón que simplemente vai reproducir os mesmos erros que xa padecemos coa A-55, cun custo económico, social e ambiental inasumíbel”. Pola contra, destaca que a proposta do BNG “é máis eficiente, máis sustentábel e responde ás demandas reais da veciñanza”.

Con esta iniciativa, o BNG procura que o Goberno central rectifique a súa planificación e atenda unha solución máis racional e adaptada ás necesidades reais da Galiza, comezando por rescatar a AP-9, unha histórica demanda da sociedade galega.

Publicacións Relacionadas