HomeDeputaciónsDeputación PontevedraO pleno da Deputación aproba por unanimidade a moción do Grupo Popular...

O pleno da Deputación aproba por unanimidade a moción do Grupo Popular para reclamar ao Goberno a mellora da estrada N-120 ao seu paso por Ponteareas

- Anuncio -spot_img

Unanimidade para a aprobación do novo contrato do sistema integral da calidade turística en destinos (SICTED) e do proxecto europeo AWAVES, para a divulgación, promoción e protección do patrimonio oceánico, cun investimento total de 900.000€

Aprobáronse os proxectos técnicos reformulados do Plan Extra dos concellos de Fornelos de Montes, Cambados e Barro, así como o proxecto inicial para a construción dunha senda peonil na EP-9704 en Igrexa de Caleiro, no Concello de Vilanova de Arousa

As deputadas Nava Castro e Sandra Bastos, responsables de Turismo e Igualdade, presentaron a súa renuncia ao cargo conforme ao acordado ao inicio do mandato

A Deputación de Pontevedra aprobou por unanimidade, nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada este venres, unha moción presentada polo grupo popular, na que foron tidas en conta as emendas propostas polos grupos da oposición, para denunciar o abandono que sofre a estrada N-120 ao seu paso polo Concello de Ponteareas e reclamar ao Goberno central que dea comezo inmediato ás obras de mellora da seguridade viaria que ven reclamando a veciñanza desde hai anos.

Por unanimidade foron aprobados tamén dous proxectos para seguir consolidando á provincia como un destino turístico de calidade e sustentable. Por un lado, recibiu luz verde o expediente de contratación para a adxudicación do servizo de implantación e desenvolvemento do sistema integral de calidade turística en destinos (SICTED) na provincia cun investimento de preto de 400.000 euros ao longo dos dous vindeiros anos. Un programa para recoñecer a calidade dos establecementos turísticos da provincia no que a Deputación leva sendo unha referencia desde o ano 2005.

O segundo punto relacionado co turismo apoiado tamén de xeito únanime centrouse na aprobación do programa AWAVES (Atlantic Waves for Advancing Visionary, Equitable en Sustainable Tourism and Heritage), un proxecto europeo impulsado pola Deputación ao abeiro da terceira convocatoria do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico 2021-2027, que presentou unha proposta de turismo sustentable e rexenerativo centrado na cultura azul para potenciar o papel do turismo no desenvolvemento económico, a inclusión social e a innovación. Trátase dun proxecto liderado pola Deputación no que colabora a Universidade de Vigo e outras sete entidades de Portugal, Francia e Irlanda e do que tamén forman parte como entidades asociadas Turismo de Galicia e Arousa Moza. Os obxectivos concretos do programa pasan, en primeiro lugar, polo mapeado do patrimonio atlántico a través da identificación dos bens tanto materiais como inmatieriais para recollelos nunha plataforma dixital interactiva; en segundo, pola posta en marcha de experiencias relacionadas co mar como o desenveolvemento de rutas sensoriais ou intercambios de coñecemento; e, en terceiro, pola transmisión do patrimonio cultural marítimo desde unha perspectiva interxeneracional a través da realización de escolas itinerantes, podcast sobre a cultura marítima ou un hackathon. O proxecto conta cun orzamento total de 1,7M€, dos que a Deputación asume a maior parte cunha achega de 500.000€, que cubrirá con fondos propios (125.000€) e coa subvención conseguida dos fondos FEDER (375.000€). O proxecto ten un prazo de execución de 30 meses.

Tamén recibiron o máximo apoio dos deputados provinciais os proxectos técnicos reformulados do Plan Extra de Barro, Cambados e Fornelos de Montes, así como o proxecto inicial para a mellora da mobilidade peonil e construción dunha senda nun treito de 100 metros da EP-9704 na localidade de Igrexa de Caleiro, en Vilanova de Arousa, na que a Deputación investirá 81.400€, mentres que o Concello asume os 5.800€ do custo das expropiacións. Tamén foi a probada por unanimidade a moción do Grupo Socialista para reclamar ao Goberno central o mantemento dos exames do MIR en Vigo, mentres que foi rexeitada outra sobre a xestión dos incendios forestais.

Renuncias

As deputadas do Grupo Popular responsables das áreas de Turismo e de Benestar Social e Igualdade, Nava Castro e Sandra Bastos, fixeron efectiva nesta sesión a súa renuncia ao seu cargo. Unha decisión xa acordada á hora de constituír o goberno provincial ao inicio de mandato. Despois de oficializar a súa renuncia, o presidente Luis López agrdeceu e valorou o seu traballo. “As áreas de Turismo e Benestar Social da Deputación son agora mellor que hai dous anos e é grazas a elas”, concluíu.  

Publicacións Relacionadas