O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra na presentación da nova edición da Culturgal, que se celebrará entre o 28 e o 30 de novembro e na que a Deputación terá presenza a través do lema “Unha provincia para cantar a cultura”. Domínguez avanzou que tanto o posto como as actividades desenvolvidas pola institución provincial se centrarán en “dar visibilidade ás nosas iniciativas ligadas á música profesional e amateur e á cultura tradicional co obxectivo de achegalas ao conxunto da cidadanía”, entre as que se atopan os programas Culturea e +Música, ciclos musicais estacionais, os obradoiros Instrumentos da Memoria ou o proxecto Mozas da miña aldea.
O vicepresidente sinalou que durante a fin de semana “teremos actuacións e obradoiros para convidar a cidadanía a bailar, tocar e cantar a nosa cultura”, e lembrou que a Culturgal conta, ademais, cunha axuda de 40.000 euros. Tamén durante a Feira das Culturas Creativas de Galicia, que chega á súa 18ª edición, o Museo de Pontevedra presentará un álbum de banda deseñada centrado en Castelao. Rafa Domínguez asegurou que “nesta provincia a cultura é un dos seus grandes motores de desenvolvemento económico e levamos dous anos investindo como nunca, con máis de 8 millóns de euros e un incremento do 7% nesta área nos orzamentos de 2026”, á vez que puxo en valor que “sempre imos da man do sector para atender as súas suxestións e darlles respostas acordes para achegar a cultura á sociedade, como faremos neste Pazo da Cultura en sintonía coa importancia que ten a cultura para o noso goberno”.



