O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto coa vicepresidenta Luisa Sánchez, recibiu hoxe a unha delegación de representantes do 9º Congreso Iberoamericano de Psicoloxía do Deporte, que se celebra desde hoxe e ata este venres no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Domínguez aproveitou para anunciar que proximamente a institución provincial presentará un programa xunto co Sergas “para mellorar a actividade psicolóxica da xente da provincia, porque non hai dúbida de que hai unha relación íntima entre deporte e mente, entre saúde e mente”.
O vicepresidente provincial quixo aproveitar a ocasión para agradecer á Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, una entidade que conta na actualidade con máis de 1.000 socios de máis de 15 países a ambos lados do Atlántico, que escollese Pontevedra como sede do seu congreso por primeira vez na súa historia. “Como médico e como político hai dous conceptos que considero fundamentais: a actividades física e a saúde psicolóxica. E é algo cada vez máis difícil de conseguir. Pero desde as institucións como a Deputación, e de man de grandes profesionais como vós, o obxectivo é seguir traballando para facelo real”.

