Domínguez recibiu a unha delegación de conferenciantes do Congreso Flúor na sala de cerámica do Museo de Pontevedra onde remarcou que “a arte e a publicidade comparten o desexo de conmover, de facernos pensar e de deixar pegada. Esta Bienal tamén é para vós”
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este mércores a Bienal de Pontevedra aos conferenciantes do Congreso Flúor de comunicación, márketing e publicidade, que terá lugar este xoves e venres na sede de Afundación en Pontevedra co patrocinio da institución provincial. “Esta Bienal tamén é para vós” remarcou Domínguez quen convidou ao acontecemento aos profesionais concentrados no evento, que tivo lugar na sala de cerámica do Museo de Pontevedra, “auténticos artistas da narrativa contemporánea”.
“Esta Bienal non é só un evento artístico, é unha chamada a volver mirar, a volver sentir e a volver contar. E neste contar, o voso papel é imprescindible”, subliñou o vicepresidente provincial quen engadiu que “a arte e a publicidade comparten o desexo de conmover, de facernos pensar e de deixar pegada”. Neste eido, Domínguez remarcou que “nun tempo no que as historias se contan en podcast, en códigos QR ou en experiencias inmersivas, a Bienal tamén busca explorar novos formatos para conectar coa cidadanía desde a emoción e a reflexión”.
Rafa Domínguez lembrou que a trixésimo segunda edición da Bienal desenvolverase entre o 21 de xuño e o 30 de setembro, co Museo como epicentro pero espallado por toda a cidade, baixo os lemas de “A arte volve” como foco da campaña de promoción e “Volver a ser humanos… ante a dor dos demais” como eixe temático deste evento cultural internacional, que busca celebrar a arte e fomentar o diálogo sobre a cultura contemporánea. Na Bienal de Pontevedra participarán máis de 60 artistas internacionais para transformar as prazas, fachadas e edificios emblemáticos de Pontevedra nun discurso vivo sobre temas como as guerras, o cambio climático, as migracións, o autoritarismo ou a democracia.