Rafa Domínguez inaugura a exposición ‘Acisclo en 66 obras’, coa que a Deputación pon o colofón ao programa expositivo deste ano no Museo de Pontevedra

adminON
Lectura mínima de 5

“Esta mostra permítenos explorar a riqueza do legado de Acisclo, un artista fundamental na nosa historia” sinalou o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez

O Museo de Pontevedra vén de inaugurar a exposición ‘Acisclo en 66 obras’, que percorre a traxectoria creativa dun dos artistas máis relevantes da escultura galega posterior aos anos 60 do pasado século. A través de todos os materiais e temáticas que tratou o ourensán, a mostra traza un panorama ao longo de sete décadas de creación, desde 1959 ata os últimos anos. Comisariada por Beatriz de San Ildefonso, pode visitarse no Edificio Castelao ata o 2 de febreiro.

Na inauguración participaron, xunto ao artista e a comisaria, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José Carlos López Campos; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; o deputado de Cultura, Jorge Cubela; e a directora do Museo, Ángeles Tilve.

Para Rafael Domínguez, “esta mostra permítenos explorar a riqueza do legado de Acisclo, un artista fundamental na nosa historia”. O vicepresidente enmarcou esta mostra no traballo que está a realizar o Museo: “neste último ano, o Museo consolidouse como un referente cultural, realizando unha ampla e variada programación que inclúe exposicións, ciclos de conferencias e talleres educativos, facendo da cultura unha parte accesible e viva para a nosa comunidade”.

Nesa liña, Ángeles Tilve, lembrou que esta exposición fai a número dez deste ano: “un programa amplo, completo e equilibrado de exposicións temporais” no que estivo presente “a arte galega e internacional, os clásicos contemporáneos e as novas voces creativas, os momentos e personaxes clave da nosa historia máis ou menos recente, a nosa memoria emocional e as relacións entre o contemporáneo e o ancestral”. A directora do Museo sinala que ‘Acisclo en 66 obras’ é o mellor colofón posible a este programa.

A exposición está composta por 66 pezas datadas entre 1959 e 2010, en materiais como madeira, barro,
terracota, ferro, bronce, chumbo, aluminio, grafito refractario e fibra de vidro. Proceden de museos de toda Galicia, como o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Provincial de Lugo, o Museo Municipal de Ourense e o Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, entidades como o Parlamento de Galicia, a Compañía de Radio Televisión de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e o Centro Cultural Marcos Valcárcel, fundacións como a Fundación Xaime Quessada Blanco e a Fundación Araguaney, así como galerías de arte e coleccións particulares.

Acisclo iniciou a súa carreira no Ourense dos anos sesenta, xunto a outros novos artistas da cidade baixo a influencia de Vicente Risco. El faláballes da figura de Castelao, da defensa da lingua e da cultura galegas, da loita pola liberdade e dos movementos de vangarda, e mesmo lles propuxo que interviñesen artisticamente en O Tucho, simulando o Cabaret Voltaire de Zúric, unha idea que levaron a cabo Acisclo, Xaime Quesada e José Luis de Dios coma homenaxe a Risco en 1963, uns meses despois da súa morte. Deste xeito naceu o grupo Volter, formado polos tres artistas coa intención de renovar a arte galega, defender o galeguismo e amosar o seu compromiso político cunha militante oposición ao franquismo.

Acisclo comezou traballando a madeira, coñecedor da técnica tras obter o título de tallista, e pronto se sentiu seducido pola escultura para contar historias coa materia no canto de coas palabras. Aí foise configurando o seu estilo, adscrito á neofiguración expresionista, que amosa o seu interese por resaltar de maneira especial os rostros e as mans, transmitindo profundas emocións a través do xesto. Busca conmover a e o espectador coa deformación corporal das figuras para expresar a soidade, a violencia ou a angustia, sentimentos humanos que en ocasións potencia furando a masa.

Desde os anos setenta, o barro, co que tivo contacto desde os seus inicios, é o material co que se sente máis a gusto e o que lle proporciona maior liberdade. Acisclo modela o barro galego e a arxila eivisenca, o primeiro con volumes arredondados e formas compactas, coma a paisaxe de Galicia; o segundo inspíralle torsos femininos que lle fan imaxinar os restos da arte grega. Desde 1986 a obra monumental ten unha presenza especial na súa produción.

Comparte este artigo