HomeDeputaciónsDeputación PontevedraRafa Domínguez inaugura no Palacete das Mendoza a exposición "O Camiño Portugués,...

Rafa Domínguez inaugura no Palacete das Mendoza a exposición “O Camiño Portugués, por Pepe Varela”

- Anuncio -spot_img

O vicepresidente da Deputación puxo en valor a importancia do Camiño para a provincia de Pontevedra, sendo un itinerario que medra arredor dun 10% anual e que acolle preto do 40% de todos os peregrinos cara a Compostela

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou este xoves no Palacete das Mendoza a exposición “O Camiño Portugués, por Pepe Varela”. A mostra, protagonizada por imaxes do veterano fotógrafo coruñés, estará dispoñible ata o 9 de xullo na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.

Rafa Domínguez aproveitou a ocasión para poñer en valor o Palacete das Mendoza, “pois desde a súa propia orixe xa pode ser considerado como un espazo cultural de primeiro nivel”. Neste sentido o vicepresidente destacou que o edificio é obra de “Alejandro Rodríguez Sesmeros, o arquitecto máis importante da época do momento, e artífice tamén doutros edificios emblemáticos como a Casa consistorial de Pontevedra ou tamén o Pazo provincial”. Por iso, asegurou, “é de grande importancia que acollamos aquí esta exposición, esta viaxe visual que celebra a vida, a arte e o espírito do Camiño Portugués que transcorre por 14 concellos do sur ao norte da provincia, na súa vertente tradicional, e outros cinco na vertente pola Costa ata confluír en Redondela”. O vicepresidente lembrou que “o Camiño Portugués é a ruta cara a Compostela que máis medra, entre un 8% e un 10% anualmente, e acolle preto do 40% de todos os peregrinos que chegan á Praza do Obradoiro”, polo que “merecía unha exposición da beleza e da sensibilidade que lle pon Pepe Varela, que olla este camiño milenario, e esta provincia extraordinaria, desde unha perspectiva íntima e emocional”.

Pepe Varela, de 88 anos e cunha traxectoria marcada pola paixón e o talento, convida o público a descubrir o Camiño Portugués. O artista, que dedicou a súa vida a capturar a beleza dos momentos efémeros, amosa imaxes que van máis alá da paisaxe, retratando a serenidade, a maxia dos detalles e a conexión profunda cos peregrinos. Cada fotografía é un testemuño da súa habilidade para contar historias sen palabras, transmitindo emocións e vivencias únicas a través dunha viaxe visual que é tamén unha homenaxe á súa mirada, ao seu legado e ao seu amor pola fotografía, que segue vivo despois de tantos anos.

Os horarios de visita da mostra “O Camiño Portugués, por Pepe Varela” no Palacete das Mendoza son os seguintes: de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, e os sábados, domingos e festivos de 10:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.

Publicacións Relacionadas