O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, participou este martes na Praza de España de Pontevedra na presentación da nova edición do Gran Premio Cidade de Pontevedra, puntuable para a Copa de España de Ciclismo Feminino, que terá lugar este mesmo domingo nas rúas da cidade e de Marín co apoio da institución provincial. O vicepresidente lembrou a “relación moi estreita que mantén a provincia de Pontevedra co ciclismo” e fixo un repaso por algunhas das súas grandes figuras, se ben tamén puxo o foxo en que na lista só aparecían nomes de homes como un feito “sintomático do pouco interese que a sociedade demostrou ata hai ben pouco polos deportes femininos”.
Rafa Domínguez sinalou que “os tempos van cambiando e por sorte as mulleres teñen cada vez máis espazos para desenvolver as súas carreiras, tamén dentro do deporte”, e lembrou o “compromiso da Deputación co deporte feminino” estando a carón dos clubs, das deportistas de elite e de base e tamén das mulleres que buscan formar parte dos corpos técnicos dos clubs ou formarse como xuízas e árbitras. “Este domingo agardo que todas amosedes de que están feitas as mulleres deportistas desta provincia, que deixedes o listón ben alto e que máis cedo que tarde pasedes a formar parte da lista de nomes de ciclistas da provincia que xamais esqueceremos”, finalizou o vicepresidente provincial.