O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este mércores na presentación do Congreso Flúor, o maior evento sobre comunicación, publicidade e márketing de Galicia, patrocinado pola institución provincial. O vicepresidente sinalou que “o 15 e 16 de maio Pontevedra volverá acoller a grandes nomes da creatividade con actividades que serán o berce de novas ideas, que inspirarán tanto a profesionais consolidados como a novas promesas nesta xuntanza de talento onde se sumarán sinerxías que xermolarán en alianzas e proxectos innovadores”.
Rafa Domínguez agradeceu o Cluster da Comunicación de Galicia, organizadora do congreso, por “escoller Pontevedra como escenario deste congreso e por facer que vaia ser un fervedoiro de grandes ideas”, e sinalou a grande “oportunidade” que supón para “que os profesionais aprendan dos seus referentes e teñan un escaparate, para reivindicar o ben que facemos aquí as cousas”. Na sétima edición do Congreso Flúor participarán, no auditorio de Afundación, nomes como Xisela López, Laureano Turienzo, María Canle, Jorge Sandua ou Marián Mouriño.