O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo en valor este luns “os eventos culturais da nosa provincia, como a Festa Corsaria de Marín, que se basean nos feitos históricos que se viviron no noso territorio”. O vicepresidente participou na presentación da nova edición, que tivo lugar na Alameda de Marín, e que permitirá á cidadanía os días 15 e 16 de agosto “regresar ao ano 1800 para rememorar a batalla de Aguete, a maior invasión corsaria das Rías Baixas, para que poidamos volver a vivir como auténticos piratas, contaxiarse do espírito corsario e coñecer os históricos fitos de Juan Gago de Mendoza ante os ingleses”.
O vicepresidente da Deputación lembrou que “os veráns na provincia de Pontevedra están feitos para desfrutar con actividades e eventos en todos os recunchos da provincia, ocasións especiais para a xente de aquí e de fóra, para que nos coñezan a se contaxien do noso estilo de vida e lles poidamos preguntar: Cando volves?”, en alusión á campaña turística das Rías Baixas deste ano. Rafa Domínguez puxo en valor o apoio da Deputación á Festa Corsaria de Marín, que contará con actividades como recreacións históricas, un mercado corsario, atraccións infantís, obradoiros, teatro, animación nas rúas, desfiles, concertos, desfile de barcos, baile, fogos de artificio ou exhibicións.