O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, definiu a Pont-Up Store como “un polo do emprendemento galego do que nos sentimos moi orgullosos de formar parte” durante o acto de inauguración que se celebrou este venres na carpa instalada na Praza de España de Pontevedra. O vicepresidente animou a cidadanía a visitar os stands onde preto de 40 emprendedores de toda Galicia estarán dando a coñecer os seus proxectos e tamén o posto informativo do programa SmartPeme+, co que a Deputación “apoia as pequenas e medianas empresas na transición dixital e nas novas tecnoloxías como unha porta que abre novas vías de negocio”. Rafa Domínguez puxo en valor a “visibilidade de cara aos consumidores, as sinerxías e a formación” como razóns “que fan que sexa imprescindible estar neste escaparate onde entrar en contacto con proxectos emprendedores que crean postos de emprego de calidade e facilitan que a riqueza que se xera na provincia quede na provincia”.
O vicepresidente destacou a ampla presenza de proxectos chegados desde o medio rural e liderados por mulleres, ademais do espazo no que a Universidade de Vigo busca impulsar iniciativas que precisan financiamento, nun Demo Day do programa INCUVI que tamén conta co apoio da Deputación de Pontevedra. Durante a clausura desta actividade, celebrada tamén este venres no marco da Pont-Up Store, Domínguez destacou o “espírito emprendedor de Pontevedra” e sinalou a importancia de que exista “unha rede de apoio” que garanta a viabilidade destas empresas de nova creación. Ante iso, o vicepresidente lembrou que ademais de SmartPeme+ a Deputación conta con proxectos como os viveiros de empresas de Barro e Lalín que buscan axudar a “transformar o territorio e conseguir unha provincia con futuro, dinámica, moderna, emprendedora, xeradora de riqueza, de emprego e de oportunidades”.



