Caldas advirte de que o PP non ten previsión de gasto nin de proxectos e sinala que agora necesita o préstamo para pagar modificados de obras e facturas de actuacións para as que non tiña contrato nin fondos
O BNG de Poio cuestionou hoxe a política económica de Moldes por chegar ao récord de créditos no municipio ao ter que solicitar o quinto do actual mandato. A voceira Marga Caldas advirte de que o goberno do PP precisa o último préstamo pola súa falta de previsión tanto no gasto e como na planificación de proxectos, xa que ten que utilizar esta última inxección económica tanto para pagar modificados de obras como facturas de actuacións e servizos para as que o Concello non tiña inicialmente nin contrato nin fondos dispoñíbeis.
Caldas explica que o PP trouxo a quinta solicitude de crédito por importe de 487.821,11 euros á Comisión de Facenda de hoxe, caendo na incoherencia con respecto ao que defendía cando estaba na oposición. Lembra a nacionalista que Moldes criticou sempre a realización de operacións financeiras, mais agora é o primeiro en aprobalas sen ningún tipo de ambaxes, vendéndoas incluso coma un logro cando na realidade “son a demostración da falta de orde nas contas municipais”.
A xuízo da voceira nacionalista, o novo crédito é unha mostra máis da deficiente xestión de Moldes, que está a saltarse os trámites de gasto segundo revelan os informes do servizo de Intervención. Caldas destaca que hai numerosas irregularidades nas adxudicacións, pois o goberno do PP está a encargar proxectos, servizos e actividades sen ter contratos nin cartos dispoñíbeis e consignados previamente. “A improvisación é a maneira de xestión, e agora hai que facer fronte a facturas e tapar un novo burato nos orzamentos”, lamenta.
Caldas destaca que o préstamo solicitado tamén se destinará a pagar modificacións de proxectos que están en marcha e que é necesario cambiar, incrementando a súa contía, por non telos plantexado correctamente dende o inicio. Entre as obras ás que haberá que inxectar cartos está a reforma da PO-308, sobre a que o Bloque denuncia que Moldes fai un exercicio de ‘escapismo’ ao falar de colocar novas tubaxes cando na realidade o que hai que facer é pagar as canalizacións que non foran contempladas en tempo e forma no deseño inicial da actuación.
“A xestión económica é lamentábel e desordenada, todo se fai a salto de mata”, denuncia Caldas, quen subliña que a pesares da nova operación de endebedamento prevista polo Partido Popular, a veciñanza non verá mellorar nin os seus servizos, nin os equipamentos nin infraestruturas. “O que fai Moldes é pedir créditos e aumentar a débeda sen actuar nas moitas tarefas pendentes de limpeza viaria, recollida de lixo, ou mantemento de espazos públicos. Que, estando Poio como está, o PP queira disfrazar a petición dun novo crédito como unha estratexia positiva non lle cabe na cabeza a ninguén”, finaliza Caldas.

