“Nin había proxecto definitivo, nin autorización de Patrimonio, nin licenza municipal, nin se tiña aberto o proceso de licitación para adxudicar, contratar e iniciar as obras”, asegurou o vicepresidente provincial
“Certo é que había un proxecto básico e que chegou a Patrimonio”, afirmou Domínguez, que detallou que este organismo ata en dúas ocasións no ano 2022 “reiterou que carecía de rigor”
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, compareceu en conferencia de prensa no Pazo provincial para responder as “mentiras” de Lores e Mosquera explicando “con rigor” o estado no que se atopou a actuación nos edificios centrais do Museo de Pontevedra cando se incorporou ao goberno provincial. Domínguez detallou que ningún dos sete pasos do procedemento administrativo para o inicio das obras estaba realizado e que, pese a haber un proxecto básico que chegou a Patrimonio, o organismo ata en dúas ocasións no 2022 reiterou que carecía de rigor.
“A miña intención é mirar cara adiante, falar dun proxecto de futuro da Deputación para Pontevedra, pero non podo permitir que Lores e Mosquera mintan aos pontevedreses e ás pontevedresas”, asegurou Domínguez. O vicepresidente explicou que se de verdade as obras fosen “inminentes”, como afirmaron o alcalde de Pontevedra e o exvicepresidente provincial, debería estar formalizado o contrato das obras, pero o certo é que “nin o servizo de Arquitectura da Deputación coñecía o proxecto, nin había proxecto definitivo, nin autorización de Patrimonio, nin licenza municipal, nin se tiña aberto o proceso de licitación para dar paso á adxudicación e formalización do contrato. Ningún dos sete pasos administrativos necesarios para iniciar as obras estaba realizado”.
Si existía, tal e como explicou Domínguez, un proxecto básico de obras que se enviou a Patrimonio no ano 2022 e que en marzo dese ano requiriu á Deputación modificar o proxecto ante a “ausencia de nivel de definición e ás faltas de rigor que impedían avaliar unha actuación integral de ampliación como a proxectada sobre os edificios do Museo de Pontevedra, declarados ben de interese cultural”. Ante este requirimento, o anterior goberno provincial envía nova documentación á que Patrimonio volve contestar asegurando que que continúan as faltas de rigor, “os erros e omisións dos planos anteriores, polo que non cabe avaliar a intervención en tanto esta non se defina sobre a planimetría real” e engade que “cómpre requirir que na súa definición se empreguen os planos do levantamento do estado actual que describen con rigor os inmobles”. Sen embargo, tal e como explicou e amosou o vicepresidente provincial, “ante este novo requirimento de Patrimonio, nunca se enviou proposta nin resposta”.
“Así que fronte a unhas obras que Lores e Mosquera situaron como inminentes, nós o que nos atopamos foi un proxecto básico con faltas de rigor, erros e omisións; un proxecto insuficiente que non tiña o visto e prace de Patrimonio, nin licenza municipal, e unhas obras sen licitar, sen adxudicar e sen contratar”, incidiu Domínguez. Fronte a isto, o vicepresidente manifestou o seu desexo “de avanzar e construír unha Pontevedra de futuro”, pero pediu “que cando saian a rebater unha declaración miña o fagan con sentido e non contando mentiras”. Neste eido recordou que nestes dous anos de goberno provincial “traballamos arreo, conseguimos desenvolver un proxecto completo para os edificios centrais do Museo de Pontevedra, con múltiples asistencias técnicas, e presentar a Patrimonio en febreiro un documento serio e non cheo de erros e faltas de rigor como o que presentou Mosquera”.