A portavoz adxunta socialista denuncia que o PP decidiu iniciar unha nova consulta pública pese a recibir un texto elaborado durante meses polo anterior Goberno con participación dos servizos técnicos e da Policía Local
O Grupo Socialista critica que o Executivo “desprece con falsidades o traballo realizado para xustificar empezar de cero un procedemento que Lugo necesita axilizar, non atrasar”
“Candia prometía solucións en 24 horas cando estaba na oposición e agora, desde o Goberno, toma decisións que alongan os prazos para contar con novas ferramentas fronte ao ruído e aos problemas de convivencia”, advirte González Abelleira
A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista, Ana González Abelleira, denunciou hoxe a decisión do Goberno de Elena Candia de “volver á casiña de saída” coa nova Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica, ao non continuar a tramitación do texto que recibiu do anterior Executivo despois de meses de traballo técnico.
“Lugo non necesita volver empezar. Necesita avanzar”, advertiu González Abelleira, quen considera especialmente grave que o PP trate de xustificar esta decisión “desprezando con falsidades un traballo realizado durante meses por persoal técnico municipal e Policía Local”.
A socialista contrapuxo esta actuación coa posición que Candia mantivo durante a súa etapa na oposición, cando aseguraba que existían solucións inmediatas para problemas como o de Las Palmeras e chegou a afirmar que o establecemento podía pecharse en 24 horas. “Daquela todo era fácil, todo era inmediato e todo se solucionaba dun día para outro. Agora teñen a responsabilidade de actuar e, en lugar de acelerar, deciden poñer o contador novamente a cero”, afirmou.
González Abelleira incidiu en que esta decisión ten consecuencias que van máis alá dunha discusión administrativa. “Cada paso que se repite innecesariamente é máis tempo sen unha normativa actualizada e máis tempo sen novas ferramentas para que a Policía Local poida actuar ante determinadas condutas que afectan ao descanso e á convivencia”, sinalou.
Un traballo avanzado para responder a problemas actuais
A portavoz adxunta lembrou que o Concello continúa rexéndose por unha ordenanza de contaminación acústica aprobada en 1999 e que o anterior Goberno impulsou a elaboración dun novo texto precisamente para adaptalo á normativa e ás problemáticas actuais da cidade.
O documento no que se viña traballando incorporaba novas ferramentas de intervención e un réxime sancionador para determinadas condutas que perturban o descanso veciñal, co obxectivo de facilitar a actuación municipal e da Policía Local ante situacións que coa regulación actual resultan máis difíciles de abordar.
“Non estamos falando dun papel gardado nun caixón. Estamos falando dun documento traballado durante meses para responder a problemas que existen hoxe nas rúas de Lugo e que coñecen perfectamente os veciños e veciñas que os sofren”, explicou González Abelleira.
Por iso, os socialistas consideran que a prioridade debería ser aproveitar o traballo realizado, xa consensuado e ben recibido polos colectvos veciñais implicados, sometelo aos trámites e informes que correspondan e avanzar cara á súa aprobación, en lugar de retroceder no procedemento.
“Crispación, promesas e agora negación”
González Abelleira enmarcou a actuación do PP na forma na que, ao seu xuízo, Candia abordou desde a oposición os problemas relacionados cos locais conflitivos. “Primeiro utilizounos para xerar crispación. Despois chegaron as promesas de solucións en 24 horas. E agora, cando ten que xestionar, chega a negación do traballo feito”, afirmou.
A socialista lembrou que o anterior Executivo conseguiu peches temporais de Las Palmeras mentres continuaba traballando para dotar ao Concello de instrumentos máis eficaces e seguros xuridicamente para afrontar este tipo de situacións.
“Fixemos o que había que facer: actuar cos instrumentos dispoñibles e, ao mesmo tempo, traballar para melloralos. O incomprensible é recibir ese traballo avanzado e decidir retroceder, especialmente cando durante anos se acusou ao anterior Goberno de non actuar”, sinalou.
Para González Abelleira, o debate “non pode converterse noutra batalla política mentres hai persoas que seguen sufrindo ruído e problemas de convivencia debaixo das súas casas”. Por iso, reclamou ao Goberno municipal que abandone “as escusas para desacreditar o anterior Executivo”, aproveite o traballo realizado e axilice a aprobación dunha nova regulación.
“Candia xa non está na oposición. Agora ten nas súas mans ferramentas e traballo avanzado para buscar solucións. Cada mes que perda intentando demostrar que todo o anterior estaba mal é un mes que perden tamén os veciños e veciñas que están esperando unha resposta do seu Concello”, concluíu González Abelleira.

