Miguel Fernández presenta un proxecto para transformar a antiga estación nunha residencia pública e un gran parque urbano interxeracional

Redacción

A proposta contempla rehabilitar boa parte do edificio para crear unha residencia pública e un centro de día, e converter a zona das dársenas nun bosque urbano galego aberto á cidadanía.

Lugo conta con só 272 prazas residenciais públicas para maiores. Os socialistas reclaman a implicación da Xunta para ampliar a rede pública e impulsar un novo modelo de coidados integrado na cidade.

“Facerse maior non pode significar perder o contacto coa cidade na que un viviu toda a vida. Queremos que os nosos maiores sigan preto das súas familias, dos seus veciños e dos lugares que sempre formaron parte da súa vida”, destacou Miguel Fernández..


O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, presentou un proxecto integral para transformar a actual estación de autobuses e a súa contorna nun novo espazo de referencia para Lugo, unha vez que entre en funcionamento a estación intermodal. A proposta aposta por rehabilitar boa parte do edificio para crear unha residencia pública de maiores e un centro de día, e recuperar a superficie das antigas dársenas para convertela nun gran parque urbano interxeracional, con zonas verdes, espazos de lecer e áreas de convivencia.

“A marcha dos autobuses á nova intermodal abre unha oportunidade que Lugo non pode desaproveitar. Temos a posibilidade de transformar completamente esta zona e facelo pensando no que realmente necesita a cidade: máis servizos públicos, máis espazos verdes e máis lugares nos que convivir e desfrutar”, sinalou Fernández, quen destacou o valor estratéxico desta localización, a poucos metros da Muralla, da Praza da Constitución e do Vello Cárcere.

Unha residencia pública para saldar a débeda da Xunta con Lugo

Un dos principais eixos do proxecto é a creación dunha residencia pública de maiores, nunha cidade que actualmente conta con só 272 prazas de titularidade pública, repartidas entre as residencias das Gándaras e da Milagrosa. Os socialistas lembran que os sucesivos gobernos do PP na Xunta, primeiro con Feijóo e agora con Rueda, non ampliaron esta oferta na cidade, pese ás necesidades dunha poboación que supera os 100.000 habitantes. Fernández advertiu ademais de que non se poden confundir as prazas públicas coas concertadas en centros privados.

“Lugo leva demasiados anos agardando por novas prazas públicas para os seus maiores. Os gobernos do PP na Xunta non foron capaces de ampliar esta oferta. Nós non queremos limitarnos a reclamar solucións. Poñemos sobre a mesa unha proposta concreta e unha localización excepcional para que a Xunta asuma a súa responsabilidade e participe na creación dunha nova residencia pública”, afirmou.

A iniciativa contempla aproveitar boa parte da estrutura da actual estación, rehabilitando e adaptando o edificio para o novo uso residencial. Na planta baixa habilitaríase un centro de día para persoas maiores que continúan vivindo nos seus domicilios, pero precisan atención e acompañamento, mentres que a cuberta se acondicionaría como unha zona axardinada de descanso e lecer para as persoas residentes.

Fernández defendeu que, ademais de incrementar as prazas, é necesario cambiar a maneira de entender os coidados. “Non queremos que unha persoa teña que afastarse do seu barrio, dos seus veciños ou dos lugares que frecuentou toda a vida polo feito de necesitar atención. Queremos residencias integradas na cidade, próximas ás familias, ao comercio, á cultura e aos servizos. As persoas maiores teñen dereito a seguir participando da vida de Lugo”, destacou.

Un bosque urbano galego para recuperar o espazo das dársenas

O segundo gran eixo da intervención é a transformación da zona das dársenas nun amplo parque urbano interxeracional, concibido como un auténtico bosque urbano galego, con árbores autóctonas, espazos de sombra e percorridos accesibles. A actuación contempla retirar as antigas dársenas e as construcións anexas posteriores, así como demoler parcialmente a ala leste do edificio para abrir o novo espazo cara á Muralla e á Praza da Constitución, mellorando as conexións peonís e ampliando a perspectiva visual desta contorna.

O parque incorporaría xogos infantís, equipamentos para a actividade física das persoas adultas, zonas de descanso e áreas de encontro. Tamén se prevén espazos para terrazas que contribúan a dinamizar o comercio e a hostalaría da zona, así como elementos que recuperen a memoria do antigo Campo da Feira, cunha escultura conmemorativa e un mural artístico de homenaxe ás persoas maiores.

O carácter interxeracional é unha das principais características do proxecto, que concibe a residencia, o centro de día e o parque como partes dun mesmo espazo de convivencia. “Queremos que neste parque haxa nenos xogando, familias paseando e persoas maiores desfrutando do aire libre, falando cos veciños ou compartindo tempo cos seus netos. Que os residentes sigan formando parte da vida da cidade. Esa convivencia entre xeracións tamén axuda a combater a soidade non desexada”, explicou Fernández.

Mellorar a mobilidade e a conexión coa intermodal

A transformación da antiga estación incorpora tamén unha reorganización da mobilidade para reducir a presenza de vehículos en superficie, ampliar os espazos peonís e manter os accesos á zona e ao aparcadoiro subterráneo da Praza da Constitución.

Os socialistas propoñen estudar a viabilidade dun tramo soterrado para canalizar parte do tráfico, con entrada desde a rúa Cidade de Vigo e saída na rúa Alcalde Anxo López Pérez, na contorna do Vello Cárcere, aproveitando parte da infraestrutura do aparcadoiro existente.

O proxecto inclúe tamén unha lanzadeira de transporte urbano desde a Praza de Bretaña ata a nova estación intermodal, que permitiría manter unha conexión frecuente entre o centro e as novas instalacións. Esta medida complementaríase coa proposta socialista de conexión peonil mecanizada entre a Praza Conde de Fontao e Porta Falsa, mediante ascensores e pasarelas mecánicas.

“Non abonda con construír unha nova estación. Temos que garantir que estea ben conectada co centro e que os lucenses e as persoas que nos visitan teñan alternativas cómodas e accesibles para desprazarse”, sinalou Fernández.

Lugo 10: unha proposta para a cidade dos próximos anos

O portavoz socialista enmarcou esta iniciativa na estratexia Lugo 10, coa que o Grupo Municipal Socialista está a definir as prioridades para o desenvolvemento da cidade durante a próxima década. Fernández destacou que o proxecto permite actuar sobre diferentes necesidades cunha mesma intervención: ampliar os equipamentos públicos de atención ás persoas maiores, recuperar espazos verdes, favorecer a convivencia interxeracional, mellorar a mobilidade e dinamizar a actividade económica da contorna.

“Cando falamos de pensar no Lugo dos próximos dez anos, falamos precisamente disto: de anticiparnos ás necesidades da veciñanza, aproveitar os espazos que temos e presentar propostas que melloren a vida das persoas. Non queremos esperar a que a estación quede baleira para preguntarnos que facemos con ela. Queremos ter un proxecto de futuro para este lugar”, explicou.

Fernández insistiu en que a transformación require planificación e colaboración entre administracións, especialmente a implicación da Xunta de Galicia na creación da residencia pública, como administración competente en materia de atención residencial.

“A antiga estación forma parte da historia de Lugo. Durante décadas foi un lugar de saída e chegada para milleiros de persoas. Agora queremos que sexa un espazo no que os nosos maiores poidan vivir e recibir coidados, no que os nenos poidan xogar e no que todos poidamos desfrutar dunha nova zona verde en pleno centro. Un lugar que siga formando parte da vida da cidade, pero dunha maneira completamente diferente”, concluíu Miguel Fernández.

Comparte este artigo