A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na apertura da exposición que viaxará por outras seis localidades da provincia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración da mostra itinerante O traxe festivo da muller aldeán, nas terras de Lugo, que tivo lugar esta mañá no Museo do Viño de Monforte.
Enmarcada no programa O Teu Xacobeo coa que a Xunta busca diversificar e achegar a celebración do Xacobeo en todo o territorio galego, a mostra conta cunha subvención da Xunta de Galicia de algo máis de 20.000 euros.
A mostra recolle unha selección de pezas dos traxes de gala tradicionais das mulleres provincia de Lugo, algunhas orixinais e outra réplicas recollidas en diversas casas dos concellos de Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Sarria, Portomarín ou Guntín, entre outras localidades. Tal e como destacou a directora de Turismo de Galicia, “trátase dun tesouro textil froito do traballo de documentación e recolla por parte dos investigadores de Traxandaina”, un obradoiro artesán que o ano pasado recibía o Premio Artesanía de Galicia precisamente por este traballo de recuperación do patrimonio etnográfico e cultural deste territorio.
Refaixos bordados, toucas de pelo, mantóns e traxes de gala que as mulleres destas terras lucenses tiñan para lucir compoñen esta mostra, que nos permite descubrir técnicas de confección, de patróns e de tecidos rescatados do esquecemento.
A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 27 de marzo en Monforte de Lemos para logo viaxar a Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba, A Fonsagrada, Sarria e Lugo.