A Policía Local do Concello de Ourense informa do dispositivo de tráfico que desenvolverá este domingo, 22 de setembro, pola celebración, da edición número 38 do Día da Bici.
Ás 10.00 horas, pecharase ao tráfico a rúa do Progreso, desde a glorieta de San Rosendo até a baixada da Praza de Abastos, establecéndose como rutas alternativas as rúas Ervedelo e Xoán XXIII, nun sentido, e a rúa Doutor Fléming, no oposto.
Ás 11.30 horas, pecharase todo o percorrido: rúa do Progreso, Marcelo Macías, Avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio Gómez Franqueira, Río Arnoia, Avenida de Santiago, Avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Díez, Praza de Concepción Arenal, Progreso e Alameda. No momento do peche do circuíto suspenderase tamén a circulación dos autobuses urbanos.
Rutas alternativas
O dispositivo deseñado pola Policía Local de Ourense propón estas rutas alternativas para os desprazamentos na cidade:
Cara a zona sur, a través da Avenida de Zamora, ata que se reabra a circulación cara a Marcelo Macías.
Cara a zona norte, pola ponte de Velle e a Ponte Novísima. Os vehículos que circulen pola Avenida de Santiago serán desviados por Río Camba cara a zona de Oira.
A zona leste será desviada na Avenida da Habana con Curros Enríquez cara esta última permitindo saír da cidade pola estrada OU-536.
A zona oeste – O Couto terá vías de saída por Ervedelo (as vías superiores da Avenida de Portugal) e polos Ponxos / Manuel Murguía (as inferiores).
Establécense vías de acceso á estación intermodal pola zona de Río Arnoia, Río Camba, Alfredo Brañas e pola zona do barrio da Ponte (central de Velle) para quen proveña do centro da cidade sen restricións, permitindo chegar ata a glorieta de Avenida de Marín coa Avenida das Caldas.
Ademais, os autobuses da liña interurbana con punto de partida ou saída na estación intermodal recollerán e deixarán os pasaxeiros na zona superior de Xesús Pousa ao carón da máquina de tren, en paradas habilitadas para tal efecto.