O alcalde de Nigrán, Juan González, reuníuse onte en Cartelle con estas tres activistas do programa Galicia Abriga de acollemento temporal de mulleres defensoras dos dereitos humanos
O órgano de goberno do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade mantivo previamente unha xuntanza para facer seguimento do actual plan de actividades
Representantes da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade escoitaron onte no Concello de Cartelle o impactante testemuño das tres activistas centroamericanas que participan no programa Galicia Abriga de acollemento temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos. A asociación de concellos e deputacións destina 10.000 euros a esta iniciativa, impulsada por diversas organizacións integradas na Coordinadora Galega de ONGD por segundo ano consecutivo.
O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González; o tesoureiro e rexedor das Neves, José Manuel Alfonso; o vicepresidente e concelleiro de Cartelle, Daniel Fernández; e o propio alcalde do municipio ourensán, Jaime Sousa, recibiron as lideresas que, durante tres meses, poderán repoñer forzas en Galicia para continuar á volta co seu labor. Trátase da salvadoreña Milagro Alvarado, da Colectiva Feminista, e das guatemaltecas Juventina López, da Asociación Indígena Agropecuaria Pro-Desarrollo Integral (ASIAPRODI), e Ana Donis, de Mujeres Transformando el Mundo.
“Galicia Abriga é un programa moi especial porque contribuímos a que teñades tempo para pensar en vós mesmas, pero ao mesmo tempo axudádesnos a coñecer realidades e situacións que se dan nos vosos países. A vosa loita e a vosa valentía son incribles”, valorou Juan González.
“No Salvador non hai posibilidade de interromper o embarazo nin cando existe risco para a nosa propia vida; nin sequera podemos falar de violencia de xénero ou de dereitos LGTBI porque se considera que atentamos contra a moral e a orde”, explica Milagro Alvarado. “Por defender os dereitos das mulleres enfrontamos ameazas e agresións tanto físicas como no mundo dixital. A miña familia tivo que saír do país e eu vivo un desprazamento forzado”, engade. “Esa loita é parte do noso día a día e non nos damos tempo para sanar”, conclúe.
“Unha non sabe que necesita este programa ata que o vive, porque nos dedicamos a velar polos dereitos das demais persoas e esquecemos que para iso temos que estar ben nós”, coincide Ana Donis, recoñecendo que “resulta moi duro ver a nenas de dez ou doce anos enfrontando embarazos forzosos”. “A nosa organización acompaña a vítimas de violencia sexual e o noso traballo é constantemente criminalizado”. O mesmo lle acontece a Juventina López, segundo quen “a poboación indíxena sofre unha persecución moi forte, dado que é a que alzou a voz para defender a democracia en Guatemala”.
Previamente, os representantes da Comisión Executiva do Fondo Galego mantiveron unha xuntanza para facer seguimento do plan de actividades en curso, que incorpora tanto proxectos de cooperación internacional en países como Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Cuba ou Perú, como accións de educación para a cidadanía global nos municipios galegos, desde cine e teatro ata charlas e exposicións.
Ademais, en outubro desenvolveranse dúas formacións, sobre compra pública ética e sobre xestión da axuda humanitaria desde os concellos, e realizarase a última estadía do programa Especialistas en Cooperar. Xa en novembro, recibiremos a visita dunha representante palestina e políticas galegas participarán en Palma no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’. Así mesmo, a Comisión Executiva acordou lanzar en breve a convocatoria de axudas para proxectos de ONGD galegas, dotada con 100.000 euros.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 118 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.



