A Concellería de Educación do Concello de Ourense publicou no taboleiro de anuncios da web municipal as bases que rexerán a convocatoria para seleccionar os proxectos de actividades que formarán a programación da Escola Municipal Continua para o ano 2026. As persoas físicas e empresas que o desexen poden presentar os seus proxectos ata o venres, día 13 de febreiro, incluído.
O obxectivo da convocatoria é elaborar unha listaxe de proxectos e actividades que permitan seleccionar e promover unha oferta educativa variada e adaptada ás necesidades da comunidade, encomendándoa a profesionais e a entidades que reúnan as condicións máis idóneas, tanto pola cualificación do persoal técnico como pola súa infraestrutura.
Os e as solicitantes deberán presentar a instancia, acompañada da documentación debidamente cuberta e asinada no modelo oficial de solicitude xenérica, no Rexistro Electrónico do Concello de Ourense ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.



