A Xunta de Goberno, celebrada hoxe no Pazo Provincial, aprobou tamén as bases da convocatoria do premio Otero Pedrayo 2024, que ten por obxecto premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá destinar preto de 1 millón de euros (947.575 €) en axudas para cooperar cos concellos da provincia. Nesta liña, o municipio de Rubiá percibirá cinco axudas para levar a cabo diferentes obras: acondicionamento de espazos públicos (40.000 euros), mellora do acceso a Trambasaugas (48.000 euros), pavimentación de rúas (145.000 euros), reparación de vías públicas en Quereño (48.000 euros) e pavimentación en Biobra (48.000 euros).
O Concello do Barco de Valdeorras recibirá unha axuda de 100.000 euros para a execución da obra de pavimentación e renovación de infraestruturas na rúa Elena Quiroga; Oímbra contará cunha axuda de 46.407 euros para a execución da obra de instalacións deportivas; e o Concello de Arnoia disporá de 25.000 euros para a reparación de pasarelas na praia fluvial do Inquiau danadas pola riadas.
Na reunión de hoxe tamén se aprobou unha axuda de 17.900 euros para o Concello de Bande para a aportación que ten que realizar o municipio en actuacións subvencionadas pola Xunta de Galicia. Barbadás contará cunha axuda de 14.339 euros para a mellora do axardinamento baixo viaducto; Cenlle recibirá 48.000 euros para continuar coa mellora do acceso ao Outeiro en Rioboo; Quintela de Leirado contará tamén con 48.000 euros para a humanización do entorno multiusos e do concello, de San Pedro de Leirado; e San Cristovo de Cea recibirá 60.000 euros para as obras de mellora do Polígono Industrial.
Tamén se aprobaron axudas para os concellos de: Rairiz de Veiga para a mellora do viario de Candás a Fontefría (48.000 euros); San Xoán de Río para a limpeza e roza de camiños rurais (15.000 euros); Sarreaus para o acondicionamento de camiños (48.000 euros); Carballeda de Avia para cofinanciar as obras no edificio do pavillón de Abelenda (40.000 euros); Boborás para o proxecto de pavimentación de camiños en Salón e Brués (48.000 euros); Chandrexa de Queixa para a reparación de firmes en Drados, Requeixo e Zamorela (48.000 euros); e Allariz para a adquisición de maquinaria para a sala de máquinas do ximnasio (11.929 euros).
Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha axuda de 1.500 euros para Taboadela Bike coa finalidade de cooperar na organización da III BTT de Taboadela do 2023; e outra por importe de 26.000 euros para axudar cos gastos de funcionamento da Fundación Carlos Casares correspondentes a este ano.
Convocado o premio Otero Pedrayo 2024
En materia de cultura, aprobáronse as bases da convocatoria do premio Otero Pedrayo 2024 que ten por obxecto “perpetuar e honrar a memoria da persoa egrexia das letras e do coñecemento, premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións”, segundo sinalan ditas bases.
Poderán optar a este premio: as persoas naturais nacidas ou residentes en Galicia ou con cumprida raizame nela, grupos de traballo radicados en Galicia ou constituídos para promover a cultura galega, e personalidades ou institucións que se teñan caracterizado pola difusión e mantemento da cultura galega.
A presentación a este certame deberá realizarse no prazo de tres meses a partir do día seguinte ao da publicación da súa convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

