A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 31 acordos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 31 acordos na súa sesión ordinaria desta semana, que tivo lugar ao mediodía de hoxe no salón de plenos.

Licenzas (5). Concedeu as licenzas de obra para os proxectos dun muro de contención e o peche dunha parcela na rúa do Areal; para a rehabilitación e ampliación dun inmoble no Barrio Vello (Bobadela); e para a reforma dun almacén que se transformará en 11 rochos na rúa Doutor Cabaleiro. Tamén deu o visto e prace ao permiso para a segregación dunha parcela na rúa Camiño de Barbadás e á rectificación dun acordo aprobado nunha sesión anterior.

Disciplina (1). Declarou en situación de ruína e ordenou a demolición dun inmoble na rúa García Mosquera, en mal estado a causa dun incendio.

Patrimonio (3). Requiriu a dúas compañías de seguros para que indemnicen ao Concello polos danos ocasionados por vehículos nun farol na Ponte do Ribeiriño e nun sinal na Avenida de Santiago; e estimou o recurso doutra nun  expediente de danos ocasionados por un vehículo.

Rehabilitación (4). Outorgou de forma definitiva 4 subvencións a obras de rehabilitación de inmobles no marco do programa de Axudas de Barrios, Next Generation EU.

Contratación (1). Aprobou o expediente para contratar o subministro de licenza de programa por usuario, en modalidade de servizo na nube (SaaS), do programa de xestión do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios, Salvamento e Protección Civil (SPEISPC) do Concello de Ourense.

Alcaldía (1). Acordou o barrado das operacións económicas do expediente de renovación do servizo de mantemento e soporte das licenzas de Oracle, xa que o contrato licitado quedou deserto.

Participación cidadá (2). Aprobou a convocatoria de subvencións a asociacións de veciños para o funcionamento e a realización de programas ou actividades a favor do asociacionismo veciñal e da Participación Cidadá para o ano 2026, cun orzamento de 100.000 euros. Tamén deu o visto e prace ao Plan Estratéxico de Subvencións da Concellería de Participación Cidadá para os anos 2027 a 2029.

Recursos humanos (1). Aprobou a ampliación da Oferta de Emprego Público do Concello de Ourense correspondente ao exercicio 2026, coa incorporación de  seis prazas da Escala de Administración Especial por promoción interna, e catorce prazas de Técnico/a de Administración Xeral por acceso libre.

Avogacía consistorial (13). Deu conta de 5 sentenzas ditadas polo tribunal de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo Praza número 2 de Ourense e dun decreto da Praza número 1. Tamén acordou a desistencia nun recurso de apelación.

Ademais, o Concello comparecerá diante dos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo, prazas número 1 e 2 de Ourense, en 4 procedementos abreviados e 1 ordinario; e diante da Sección de Instrución Praza número 3 de Ourense nas dilixencias previas por un caso de danos ocasionados por un vehículo a bens de titularidade municipal.

Comparte este artigo