HomeOurenseA Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación da área...

A Xunta de Goberno Local aproba o expediente de contratación da área lúdica con piscina de Berrocás, cun orzamento de máis de 1 millón de euros

- Anuncio -spot_img

Tamén deu o visto e prace aos convenios de colaboración con Cáritas, Cruz Vermella, AECC, comité Antisida e Proxecto Home

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou 31 acordos na súa sesión ordinaria que se desenvolveu esta mañá no salón de plenos.

Contratación (1). Aprobou o expediente para contratar, por procedemento aberto, as obras do proxecto de área lúdica de Berrocás, que incluirá unha piscina, cun orzamento de licitación de 1.094.324,00 euros.

Asuntos Sociais (3). Aprobou os convenios de colaboración entre o Concello de Ourense e as entidades Cruz Vermella Española, Cáritas Diocesana e Asociación Española contra o Cancro de Ourense para o ano 2025. No primeiro caso, o Concello destinará 50.000 euros para o proxecto de acollida e atención inmediata a persoas vulnerables, que desenvolve Cruz Vermella na cidade. No caso de Cáritas, o Concello destinará 280.000 euros para o comedor social e no da Asociación contra o Cancro, 25.000 euros para a atención psicosocial a familias con persoas maiores con cancro ao seu cargo en fase paliativa.

Sanidade (2). Aprobou a concesión de 2 subvencións nominativas, de 30.000 euros: á Asociación Comité Cidadán Anti-sida para o financiamento dun programa de redución de riscos en usuarios de drogas por vía parenteral, e á Fundación Monte do Gozo – Proxecto Home para o financiamento do proxecto educativo terapéutico de actividades de rehabilitación e inserción sociolaboral en réxime residencial de condutas aditivas para persoas con adicións.

Xestión económica e orzamentaria (2). Aprobou os proxectos de modificación orzamentaria 10P e11P. O primeiro prevé destinar 2.531.972 euros a elementos de transporte urbano e o segundo 300.000 euros para transferencias ao Consello Municipal de Deportes. As dúas modificacións financiaríanse con cargo ao remanente de tesouraría para gastos xerais. Os proxectos de modificación orzamentaria deberán elevarse ao Pleno do Concello para que proceda, de ser o caso, á súa aprobación provisional.

Licenzas (5). Concedeu tres licenzas de obra: para o acondicionamento dun local para vivenda na Travesía de Portocarreiro; para a instalación de ascensor nun edificio na avenida de Marín, e para a rehabilitación e reforma de entreplanta para cambio de uso a oito vivendas nun edificio na rúa Valle Inclán.  Tamén concedeu unha licenza urbanística de segregación de parcelas na rúa  Boavista e denegou unha solicitude de título habilitante de natureza urbanística de primeira ocupación por legalización de uso dun inmoble na rúa Nosa Señora do Cristal.

Aperturas (2). Deuse por enterada do cambio da dirección da execución material da obra dunha residencia para persoas maiores entre as rúas Vicente Risco e Ramón e Cajal, e concedeu a licenza de apertura en vía de legalización dun concesionario de coches na estrada de Vigo.

Patrimonio (3). Abordou dous expedientes relativos a reclamacións de responsabilidade patrimonial: nun deles desestima un recurso fronte a un acordo dunha xunta goberno anterior e noutro declara a desistencia dunha solicitude de reclamación. Tamén desestimou a solicitude dun particular en relación a un camiño en San Tomé, Velle, por ser este de titularidade municipal.

Infraestruturas (1). Recoñeceu unha obriga a favor da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para o financiamento das obras de mellora do saneamento e bombeo de augas residuais en Sequeiros.

Avogacía Consistorial  (12). Deu conta de 1 sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; de 2 sentenzas e 2 Autos do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense, e dunha sentenza e dun auto do número 2. Ademais, o Concello deberá comparecer diante dos xulgados do contencioso número 1 e 2 en 4 procedementos abreviados e do Social nun ordinario.

Publicacións Relacionadas