A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou este mediodía o expediente para adxudicar a concesión para a explotación da cafetería do Xardín Xaponés, popularmente coñecida como “La Pajarera”, por un prazo de 5 anos e por un canon anual (prezo de partida) de 51.272,44 euros, IVE engadido. Tamén aprobou a apertura do procedemento de adxudicación, polos trámites de procedemento aberto. Na súa reunión ordinaria desta semana, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén outros 23 acordos
Licenzas (5)
- Conceder a licenza urbanística de obra para o proxecto básico e de execución de cambio de uso de local en planta baixa a vivenda na rúa Monte Seixo.
- Conceder a licenza urbanística de obra para o proxecto básico e de execución de cambio de uso de local en planta baixa a vivenda na rúa Mercado.
- Denegar unha solicitude de prórroga para o inicio das obras de instalación dun ascensor na rúa Ervedelo.
- Conceder a licenza urbanística para a segregación dun local en dous na planta baixa dun edificio na rúa Sampaio.
- Denegar unha solicitude de licenza urbanística de obras en vía de legalización e para o remate de obras de ampliación dunha vivenda unifamiliar nas Barxas, Cudeiro.
Patrimonio (4) Catro reclamacións de responsabilidade patrimonial: tres desestimacións e unha desistencia.
Facenda (1) Aprobar a proposta de modificación dos orzamentos do Consello Municipal de Deportes 2M/CMD, por importe de 280.000 euros. A proposta prevé dotar crédito extraordinario por importe de 157.000 euros para maquinaria, instalacións técnicas e ferramentas; 95.000 para a mellora de instalacións deportivas; 25.000 para equipamento e 3.000 para mobiliario, con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais.
O acordo elevarase ao Pleno do Concello para que proceda, de ser o caso, á aprobación provisional desta modificación.
Limpeza (1). Aprobar as bases reguladoras e a convocatoria do procedemento para outorgar a autorización demanial de ocupación temporal do dominio público municipal, en réxime de concorrencia, con destino á instalación de contedores de recollida selectiva de aceite vexetal usado de orixe doméstica.
Educación (1) Validar a omisión de fiscalización nunha devolución de ingresos indebidos.
Persoal e Recursos Humanos (2)
- Elevar a definitivo o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local do 30 de abril de 2025 que aprobou inicialmente a modificación puntual 1/2025 da relación de postos de traballo (RPT) do Concello, relativa a 2 postos de unidades administrativas dependentes da área de Goberno de Obras públicas, Servizos Urbanos, Medio Ambiente e Urbanismo.
- Rectificar un erro aritmético apreciado no acordo adoptado na sesión do día 29 de maio de 2025, relativo á inclusión dos pluses de nocturnidade e festividade do Corpo da Policía Local dentro do complemento específico dos postos de traballo
Avogacía Consistorial (8) A Xunta de Goberno deu conta de catro sentenzas e un auto ditados polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 e unha sentenza do número 2. Ademais, o Concello comparecerá noutros 2 procedementos xudiciais.
Contratación (1) Aprobar o expediente para contratar a subministración en réxime de renting, sen opción de compra, de seis vehículos patrulla con kit de detidos destinados á Policía Local do Concello de Ourense. Tamén se dispón a apertura do procedemento de adxudicación, mediante procedemento aberto.