A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense reunirase mañá, xoves, 19 de novembro, ás 13.30 horas no salón de plenos para levar a cabo a súa sesión ordinaria desta semana, con 29 propostas de acordo na orde do día.
Licenzas (5). Licenzas de obra para os proxectos de reforma dunha vivenda en Paradela (Vilar de Astrés), de ampliación doutra en Ludeiros (tamén en Vilar de Astrés) e para a legalización e o remate de obras nunha vivenda na rúa Licencado Molina. Tamén ten previsto aprobar 2 rectificacións de acordos de sesións anteriores da xunta de goberno.
Patrimonio (1). Recuperación de oficio dos danos causados por un vehículo nun bolardo da rúa Samuel Eiján.
Rehabilitación (1). Recoñecemento da obriga de pagamento dunha subvención para obras de rehabilitación dun inmoble en Seixalbo, dentro do Programa Axudas de Barrio, Next Generation EU.
Infraestruturas (1). Compensación de Viaqua, Gestión Integral de Aguas de Galicia, S.A ao Concello polos importes percibidos en concepto de amortización de investimentos dende o día 1 de xaneiro de 2026 até o 31 de decembro dese mesmo ano, toda vez que nese período a concesionaria continuou prestando o servizo malia o vencemento do contrato de xestión do servizo público de abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais no municipio de Ourense.
Xestión económica e orzamentaria (1). Unha relación de facturas de anos anteriores que non puideron seguir a tramitación ordinaria para seren aprobadas nos ditos exercicios.
Recursos humanos (3). Tres expedientes de convalidación da omisión da función interventora e do gasto en atribucións temporais de funcións.
Xuventude (1) Convenio entre o Concello de Ourense e a Asociación Xuvenil Amencer, regulador da subvención municipal nominativa a esta entidade para gastos das actividades do Campamento Urbano 2026
Artes e festexos (1). Convenio de colaboración entre o Concello e o Liceo de Ourense para o ano 2026.
Avogacía consistorial (15). Dará conta de tres sentenzas ditadas polo tribunal de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo Praza número 2 de Ourense. Ademais, o Concello foi emprazado para comparecer e personarse en calidade de demandado en 12 procedementos diante dos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo, prazas número 1 e 2 de Ourense.

