· O secretario xeral do PP e cabeza de lista ao Congreso pola Corula lembra que “Ourense nunca lle fallou a Alberto Núñez Feijóo” e chama a “pelexar cada voto e cada escaño”
· Ana Belén Vázquez, cabeza de lista ao Congreso por Ourense, reivindica as infraestruturas pendentes da provincia e pide o cesamento do subdelegado do Goberno tras a denuncia do PP ante a Xunta Electoral
O secretario xeral do Partido Popular e cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Miguel Tellado, reivindicou hoxe en Ourense os trece anos de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta como “o mellor aval” da súa candidatura á Presidencia do Goberno. Nunha comparecencia ante os medios xunto á cabeza de lista ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, Tellado fixou o obxectivo do PP na provincia para o 29 de novembro en conseguir tres deputados e tres senadores.
“Ourense é unha provincia especial nestas eleccións porque é a terra do próximo presidente do Goberno e porque nunca lle fallou a Alberto Núñez Feijóo”, afirmou Tellado. O secretario xeral lembrou que o PP superou o 50 % dos votos na provincia nas eleccións xerais de 2023 e chamou a traballar para repetir aquel apoio. “A prudencia aconsella pelexar cada voto e cada escano”, sinalou, antes de advertir de que “non hai que dar nada por gañado”.
Tellado destacou as catro maiorías absolutas consecutivas de Feijóo en Galicia e atribuíu ese respaldo á súa capacidade para “xerar confianza e gobernar para todos”. Na súa intervención, tamén cuestionou o papel do BNG como socio parlamentario de Pedro Sánchez e sostivo que, “cando Sánchez castigaba a Galicia premiando a outras comunidades, o BNG miraba para outro lado”.
Vázquez reclama as infraestruturas pendentes da provincia
Ana Belén Vázquez agradeceu a presenza de Tellado en Ourense e subliñou a responsabilidade que asume a candidatura provincial ante o feito de que Feijóo sexa ourensán. “Queremos darlle a Alberto Núñez Feijóo o mellor resultado de España”, afirmou.
A candidata repasou as infraestruturas que considera prioritarias para Ourense e que seguen pendentes, entre elas as autovías cara a Lugo e Ponferrada, a estación intermodal, a finalización da EDAR e a terminal ferroviaria de mercadorías de San Cibrao das Viñas. Vázquez defendeu que Feijóo coñece as necesidades da provincia e lembrou os compromisos que adquiriu con Ourense durante a súa etapa como presidente da Xunta.
Vázquez tamén pediu o cesamento do subdelegado do Goberno en Ourense por considerar que faltou ao deber de neutralidade. A candidata lembrou que o PP presentou o martes unha denuncia ante a Xunta Electoral pola presunta conexión dunha instalación de campaña do PSOE á subministración eléctrica da Subdelegación do Goberno.

