A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense reunirase mañá, xoves, 22 de outubro, ás 13.30 horas, no salón de plenos, para desenvolver a súa sesión ordinaria desta semana. A orde do día inclúe 28 propostas de acordo presentadas polos servizos municipais de Licenzas, Disciplina, Patrimonio, Contratación, Asuntos Sociais, Artes e Festexos, Educación e Avogacía Consistorial.
Licenzas (3): Solicitudes de licenzas de obras para a rehabilitación e ampliación dun inmoble no Barrio Vello, Bobadela e para a reforma interior dunha vivenda unifamiliar na rúa Ático Noguerol. Tamén dará conta dunha solicitude de licenza de segregación de local na planta baixa dun edificio na rúa Manuel Lago.
Disciplina (1): Denuncia polo mal estado dun inmoble na rúa Doutor Fléming.
Patrimonio (4): Tres reclamacións de responsabilidade patrimonial e un expediente de recuperación de oficio de danos causados por un vehículo a bens municipais na rúa Xesús Pousa.
Contratación (1): Expediente de contratación do servizo de mantemento e soporte de licenzas Oracle.
Asuntos Sociais (1): Modificación do Plan Estratéxico de Subvencións da Concellería de Asuntos Sociais para os anos 2025 a 2027.
Artes e Festexos (1): Bases reguladoras do procedemento para outorgar a autorización temporal en dominio público municipal, en réxime de concorrencia, para a actividade de venda no mercado de Nadal de Ourense.
Educación (1): Relación de facturas do servizo de limpeza dos centros educativos dependentes do Concello.
Avogacía Consistorial (16): 4 sentenzas ditadas polos tribunais de instancia de Ourense (1 da Sección do Social, praza 4, e 3 do Contencioso-Administrativo, praza 2); e unha providencia do Tribunal Supremo. Ademais, o Concello deberá comparecer en calidade de demandado en 11 procedementos abreviados (10 deles diante do Tribunal de Instancia da Sección do Contencioso-Administrativo, praza número 1 de Ourense, e 1 diante do número 2 de Vigo).

