A concelleira Tamara Silva acompañou o alumnado do CEIP Prácticas na primeira sesión, na Ponte
A Concellería de Educación do Concello de Ourense iniciou esta mañá un ciclo de visitas de escolares ás bibliotecas municipais, unha actividade enmarcada no Programa de Animación á Lectura do curso 2026/2027. Un total de 725 alumnos e alumnas de Educación Primaria de 19 centros educativos participan nesta edición, que se desenvolverá ata o mes de maio nas dependencias de lectura da Ponte (Praza do Mestre Luis Fernández), San Francisco (explanada da estación de tren) e A Carballeira (Praza do Sagrado Corazón).
A primeira das sesións desenvolveuse hoxe ás 10.30 horas, nas instalacións da Ponte, coa asistencia do alumnado do CEIP Prácticas e da concelleira de Educación, Tamara Silva.
O alumnado participante desprázase á instalación municipal máis próxima ao seu centro educativo para realizar unha visita de carácter lúdico. As sesións teñen como obxectivo principal achegar este servizo municipal aos máis novos e realizar actividades que promovan o gusto por ler.
Os obxectivos específicos do programa son dar a coñecer no ámbito escolar, cun formato dinámico, a existencia e os recursos destes equipamentos municipais, estimular o interese polos libros entre a poboación infantil e servir de apoio ao profesorado no uso e aproveitamento das bibliotecas escolares.

