A Xunta e a Fundación Reina Sofía destinan máis de 170.000€ a executar este ano dúas actuacións de restauración ambiental en espazos protexidos afectados polo lume en Rubiá e Folgoso do Courel

Redacción
  • A previsión é poder iniciar os traballos ao longo deste mes de xullo, co obxectivo de que estean rematados antes de que acabe 2026
  • No Parque Natural Serra da Enciña da Lastra recuperarase unha alvariza tradicional para poñela en uso como colmear e na Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel crearase unha masa mixta de frondosas arredor da aldea do Vilar
  • Ánxeles Vázquez pon en valor o apoio económico da entidade social para contribuír á conservación e recuperación ecolóxica, social e paisaxística de ecosistemas clave e zonas emblemáticas danadas polos incendios

A Xunta de Galicia e a Fundación Reina Sofía executarán este ano, cun investimento total que supera os 170.000 euros, dúas intervencións de restauración ambiental en espazos protexidos afectados por incendios forestais nos concellos de Rubiá (Ourense) e de Folgoso do Courel (Lugo).

A Súa Maxestade a Raíña Dona Sofía e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañadas polo delegado de Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e por numerosas autoridades locais, provinciais e autonómicas, realizaron hoxe unha visita ás zonas que serán obxecto de ambas actuacións, impulsadas no marco do convenio que asinaron ambas institucións o pasado mes de xaneiro.

En primeiro lugar, achegáronse ata o municipio ourensán de Rubiá, onde desde o miradoiro de Oulego puideron observar unha alvariza tradicional -ou colmear- en pleno corazón do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra que resultou afectada o ano pasado por un incendio forestal e que se quere recuperar agora, xunto coa pista de acceso.

O obxectivo desta actuación é rehabilitar a estrutura para posteriormente instalar colmeas activas e así promover a actividade apícola local e, ao mesmo tempo, favorecer a restauración florística da contorna. Non en balde, estas construcións tradicionais de pedra -xeralmente de planta circular e destinadas orixinalmente a protexer un conxunto de colmeas dos ataques do oso- representan non só un elemento patrimonial emblemático e singular de Galicia, senón que na actualidade considéranse ademais necesarias para promover a potenciación de poboacións de especies polinizadoras.

A continuación, desprazáronse ata Folgoso do Courel, concretamente ao lugar do Vilar, unha pequena aldea na Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel en cuxas inmediacións se localiza un souto emblemático con exemplares centenarios que tamén se viron alcanzados polo lume.

No que atinxe á esta intervención, a Consellería Medio Ambiente e Cambio Climático e a Fundación Reina Sofía colaborarán na creación dunha masa mixta de frondosas nos arredores da aldea do Vilar. O obxectivo neste caso é dobre, xa que se restaurará un hábitat típico da zona (un souto) e se recuperará paisaxisticamente a contorna máis próxima ao lugar, protexendo á vez o núcleo de poboación ante eventuais incendios coa creación dunha franxa contigua de vexetación menos inflamable.

Os proxectos para acometer a restauración ambiental de ambos espazos xa están redactados e será a Consellería a que se ocupe da execución. Máis concretamente, a previsión é poder iniciar os traballos —cunha duración de catro meses cada un— ao longo deste mes de xullo, co obxectivo de que estean rematados antes de que acabe o ano.

A conselleira Ángeles Vázquez puxo en valor o apoio recibido por parte da Fundación Reina Sofía —cunha achega de 65.000 euros que se verá completada con fondos propios da Xunta e tamén con financiamento europeo do Programa FEDER— para acometer as intervencións previstas en Rubiá e Folgoso do Courel, dous proxectos que, recalcou, contribuirán á recuperación ecolóxica, social e paisaxística de ecosistemas clave para estes espazos protexidos e de contornas emblemáticas afectadas polos incendios.

Outras accións da Xunta no Courel

Cómpre lembrar que a nova intervención en Folgoso vén complementar outras executadas pola Xunta nos últimos anos con fondos europeos e co obxectivo de avanzar na restauración ambiental da zona. Entre elas, destacan a rexeneración de bidueirais nunha extensión de 3,15 hectáreas no lugar de Vidallón, a actuación en 9 hectáreas de carballos e outras frondosas na parroquia de Visuña ou os traballos acometidos para recuperar o vigor dos castiñeiros no souto da Devesa, nunha superficie de 25 hectáreas.

Precisamente, este souto foi a última parada da visita da Súa Maxestade a Raíña Dona Sofía a Galicia, onde puido coñecer de primeira man os resultados obtidos grazas a esta intervención integral realizada pola Consellería no lugar de Vilamor e finalizada o pasado mes de xuño.

Comparte este artigo