· Os candidatos populares liderados por Ana Belén Vázquez e o europarlamentario Adrián Vázquez Lázara mantiveron un encontro coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, acompañados pola vicepresidenta provincial do partido e alcaldesa, Marta Nóvoa, quen explica que o encontro permitiu revisar as actuacións pendentes no parque empresarial e trasladar á candidatura as necesidades das súas empresas
· A cabeza de lista ao Congreso comprométese ante os empresarios do polígono a impulsar esta infraestructura cun Goberno do PP e defende menos impostos e máis seguridade xurídica para o tecido produtivo
A cabeza de lista do Partido Popular ao Congreso por Ourense, Ana Belén Vázquez, situou a estación de mercadorías de San Cibrao das Viñas como unha das prioridades do compromiso de Alberto Núñez Feijóo coa provincia. Así o destacou tras a reunión mantida coa directiva e co presidente da asociación de empresarios do polígono, na que defendeu a necesidade dun Goberno do PP que impulse as infraestruturas pendentes e protexa o crecemento industrial e empresarial ourensán.
No encontro participaron tamén os candidatos Roberto González, Rosa Quintana, Rosa Sánchez Gándara e Martín Gil; o europarlamentario Adrián Vázquez Lázara; e a vicepresidenta do PP de Ourense e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa. “Unha das reivindicacións que nos puxeron enriba da mesa, e que é prioritaria nese contrato de Feijóo coa provincia de Ourense, é a estación de mercadorías”, afirmou Ana Belén Vázquez. A candidata lembrou que en 2021 o Congreso dos Deputados aprobou un acordo para impulsar esta infraestrutura e denunciou que o Goberno de Pedro Sánchez “ignorou por completo ese acordo”.
“Ímola facer realidade. Estaremos desde o primeiro minuto recordándolle ao presidente Feijóo que esa estación que reivindicaba como presidente da Xunta a defenda agora desde a Moncloa”, comprometeu a cabeza de lista. Ana Belén Vázquez vinculou esta actuación coa necesidade de reforzar a competitividade das empresas da provincia, facilitando o transporte de mercadorías e mellorando as condicións para consolidar a actividade industrial e atraer novos investimentos. Neste sentido, reivindicou un compromiso efectivo do Estado coas necesidades do polígono e co emprego que xera.
Menos impostos e máis seguridade para investir e contratar
A cabeza de lista dos populares ourensáns ao Congreso destacou que o apoio ás infraestruturas debe acompañarse de medidas que faciliten a actividade empresarial. “A estes empresarios, a estes autónomos e a estas pemes hai que protexelos. Levamos un programa moi potente para axudarlles a pagar menos impostos e a ter máis seguridade xurídica”, sinalou.
O programa do PP recolle unha redución das cargas administrativas do 35 % para as pemes antes de 2029 e a simplificación das obrigas das empresas de ata 250 traballadores. A finalidade é facilitar que poidan medrar, investir e dedicar máis recursos á súa actividade. En materia fiscal, os populares propoñen ampliar a liberdade de amortización para que os investimentos en maquinaria, equipos, dixitalización, intelixencia artificial ou ciberseguridade poidan deducirse integramente no mesmo exercicio. Tamén prevén reforzar os incentivos á investigación e á innovación e axilizar a tramitación das grandes iniciativas industriais. No ámbito do emprego, o PP aposta por reducir a cotización por desemprego das empresas que manteñan os seus cadros de persoal máis estables que a media do sector. Para os autónomos, propón bonificar durante un ano o 100 % das cotizacións empresariais polo primeiro traballador e o 50 % polo segundo. Estas medidas compleméntanse cunha Formación Profesional máis conectada coas necesidades do tecido produtivo, ampliando as prazas nos ciclos con maior saída laboral e estendendo a FP dual a empresas de todos os tamaños.
Seguimento das necesidades do polígono
Pola súa banda, Marta Nóvoa explicou que a reunión permitiu revisar coa asociación empresarial as iniciativas pendentes relacionadas co polígono e coas súas infraestruturas. “Os candidatos comprometéronse cos empresarios con diversas actuacións que o presidente Feijóo xa coñece por ter estado varias veces neste polígono”, destacou a vicepresidenta provincial.
Ana Belén Vázquez cualificou o encontro de “moi positivo” e reafirmou o compromiso da candidatura de trasladar as demandas empresariais á acción dun futuro Goberno do PP.

