Atrasadas en máis de ano as obras de ADIF da subestación eléctrica de tracción de As Portas e da liña eléctrica de alta tensión desde a subestación eléctrica de Conso

adminON
Lectura mínima de 5

• Os deputados populares lembran que esta subestación é fundamental para que a LAV a Galicia dispoña dunha subministración eléctrica que permita atender un maior número de circulacións e frecuencias dos trens


• O Goberno comprometera que as obras estarian finalizadas no primeiro semestre de 2024 e agora non dá data de conclusión

O 10 de setembro de 2024 os deputados ourensáns do GPP Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, rexistraron no Congreso esta pregunta dirixida ao Goberno:
“O 3 de xaneiro de 2022 formalizouse o contrato entre Adif Alta Velocidade e a UTE adxudicataria para executar as obras da Subestación de As Portas, fronte á estación de Vilariño de Conso (Ourense) e o tendido dunha liña de alta tensión desde a subestación de Rede Eléctrica Española en Conso, cunha lonxitude de 12,7 km. O importe de adxudicación foi de 8.362.365,82 € e o prazo de execución de 18 meses.
O 4 de decembro de 2023, á nosa pregunta sobre “en que data estima Adif-AV/AV que concluirán as obras citadas” o Goberno respondeunos por escrito: “En relación co asunto interesado, sinálase que as obras relativas á subestación eléctrica de As Portas atópanse en execución, certificándose ata a data o 70% do importe adxudicado do contrato. A previsión actual para a finalización das obras estímase no primeiro semestre de 2024, sen prexuízo das posibles incidencias non previstas que afecten a este prazo.”
O certo é que o primeiro semestre de 2024 xa concluíu e non nos consta que finalizasen estas obras que son absolutamente estratéxicas para que a LAV a Galicia funcione a pleno rendemento e permita aumentar a circulación simultánea dun maior número de trens.
Por iso preguntamos
Nas obras de ADIF-AV/AV relativas á subestación eléctrica de tracción de As Portas e da liña de alta tensión, cal é a data de resposta a suma certificada do importe adxudicado do contrato?
En que data do segundo semestre de 2024 prevé ADIF-AV/AV que finalizarán as obras da subestación eléctrica de tracción de As Portas e da liña eléctrica de alta tensión desde a subestación eléctrica de Conso de Rede Eléctrica de España (REE) ata a subestación eléctrica de tracción de As Portas de ADIF-Alta Velocidade?”
A resposta do Goberno acaba de chegarnos o 16 de outubro de 2024 e literalmente di: “Adif segue traballando na execución dos traballos correspondentes ás “Obras do proxecto construtivo da subestación eléctrica de tracción das Portas e da liña eléctrica de alta tensión desde a subestación eléctrica de Conso de Ree ata a subestación eléctrica de tracción das Portas de Adif-Alta Velocidade”. Ditas obras atrasáronse por incidencias provocadas por causas meteorolóxicas; estando en fase final de execución na actualidade.”
A nosa VALORACIÓN DA RESPOSTA
Adif non deu resposta ás preguntas formuladas, xa que non facilita información sobre a suma certificada ata o momento do importe adxudicado do contrato. O que acredita falta de transparencia,
Tampouco quixo dar unha data de finalización das obras tal e como se lle solicitaba. Limitouse a dicir que “están na fase final de execución” sen concreción algunha.
Debemos ter en conta que o prazo desta obra era de 18 meses e que venceu o 3 de xullo de 2023, o que implica que as obras levan entre doce e quince meses de atraso (segundo contemos desde a data de formalización do contrato ou da acta de reformulo)
Lembramos unha vez máis a relevancia que ten a posta en servizo desta subestación eléctrica de tracción de As Portas (Vilariño de Conso) pois é absolutamente estratéxica para que a LAV a Galicia funcione a pleno rendemento e permita aumentar a circulación simultánea dun maior número de trens.
Nestes momentos a LAV aliméntase de enerxía cunha solución provisional desde as subestacións de Arbillera (Palacios de Sanabria) e de Amoeiro, pero iso implica limitacións á circulación.
Seguiremos vixiando parlamentariamente a execución destas obras co obxectivo de que finalicen o máis axiña posible e non se sigan alongando os prazos.

Comparte este artigo